A socialista critica a falla de diálogo social e de consensos cos concellos galegos na consecución das fins dunha lei “pouco traballada” e “carente de rigor”
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialistas, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de rexeitar a Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica, aprobada hoxe na Cámara galega co voto a favor do PP e os votos en contra de PSdeG e BNG. “Obvia as bases para un cambio na estrutura produtiva”, aseverou a socialista.
Rodríguez Rumbo lamentou que “tendo 42 deputadas e deputados, pasados case 12 meses dende a declaración da pandemia e contando con todos os órganos consultivos, así como cun gabinete de expertos”, o PP “trae unha proposición de lei pouco traballada, que elude os debates e a busca de consensos e que non incide nos problemas estruturais do sistema produtivo”.
“Traen un texto no que recoñecen xa na exposición de motivos o fracaso da política económica da Xunta” ao sinalar que as políticas públicas levadas a cabo “nalgúns casos teñen freado o crecemento”, subliñou a socialista.
Neste senso, Rodríguez Rumbo lamentou que o texto, “no mesmo momento da toma en consideración, xa quedaba extemporáneo, posto que aludía a unhas circunstancias na exposición de motivos que xa están superadas e, agora, nos atopabamos noutro momento da pandemia”, que supón “un maior sufrimento para a economía e para a sociedade no seu conxunto”.
UNHA LEI QUE “EVITA A EXPOSICIÓN PÚBLICA E OS INFORMES PRECEPTIVOS”
En canto ao procedemento lexislativo, a responsable socialista criticou “as formas” empregadas pola Xunta, xa que “tramitan unha proposición de lei que foi anunciada polo presidente Feijóo como proxecto de lei que, teoricamente, sería aprobado polo Consello da Xunta en novembro”.
Malia este anuncio, a Xunta “cambiou de opinión” e “achegoulle o texto ao Grupo Parlamentario Popular para tramitala como proposición de lei pola vía de urxencia, evitando a exposición pública e os informes preceptivos”, tanto o da asesoría xurídica como o do Consello Económico e Social, co que o goberno galego “ningunea unha vez máis as funcións do CES como órgano consultivo”, criticou.
Rodríguez Rumbo amosou o seu rexeitamento a esta lei xa que “non ten en conta a todos os sectores económicos e sociais de Galicia na súa formulación, pretende descapitalizar o sector público outorgando funcións de control e inspección ao sector privado e non ten en conta os centros de coñecemento e transferencia, como as universidades galegas”.
Ademais, esta lei “obvia as negociacións de obrigado cumprimento na mesa de emprego público da comunidade autónoma, non busca consensos cos concellos na consecución das fins desta lei tampouco ten en conta aos grupos parlamentarios da oposición representados nesta cámara”.
“TAN SÓ 6 EMENDAS ACEPTADAS E 6 TRANSACIÓNS” DAS 80 EMENDAS SOCIALISTAS
A socialista puxo en valor as 80 emendas presentadas polo Grupo Socialista que “mellorarían a transparencia, a coordinación e a boa regulación”, xa que introducían cuestións como a planificación estratéxica, a xestión por obxectivos con indicadores medibles ou a avaliación dos procesos como paso necesario na consecución dos obxectivos de eficacia, eficiencia e boa regulación.
Ademais, “introducían ao Consello de Contas como órgano de fiscalidade externo da xestión económico-financeira da comunidade” e “establecían máis información centralizada e actualizada, a través dunha xanela única cun portal electrónico ao dispor dos operadores económicos”.
Por último, as emendas pretendían “establecer coordinación e cooperación cos concellos, a través dunha comisión paritaria para unha mellor e máis áxil cumprimento da lei, sen tutelas nin imposicións como leva facendo a Xunta nestes últimos anos”.