Apunta que a Xunta débelle aos concellos 624 millóns para prestación de competencias autonómicas
A portavoz de Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamou hoxe a blindaxe por Lei da participación dos concellos nos ingresos da Xunta de Galicia, como vía para garantir que conten cos recursos suficientes. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento na que lembrou que a Xunta lle debe ás entidades locais 624 millóns de euros para prestar competencias autonómicas, e que foi rexeitada polo PP.
Citou o estudo presentado o pasado mes de novembro pola Fegamp elaborado por técnicos municipais, da Deputación de Ourense e das universidades de A Coruña e Santiago alertando do descalabro nas contas municipais pola obriga de asumir competencias que lle corresponden ao goberno galego. Os concellos vense obrigados a asumir un custe de 1.000 millóns de euros cada ano, pero só reciben da Xunta 381, co que teñen que afrontar a diferenza de 624 millóns.
A responsable socialista criticou que a Xunta teña respondido cun contrainforme polo que pagaron 25.000 euros para obter “un power point de 26 páxinas, a 1.000 euros por páxina” que sinala ao Estado e obriga aos concellos que asuman competencias que non lle corresponden a “buscarse a vida”. Este contrainforme, apunta, esquece que a CE e a normativa europea consagran os principios de autonomía e suficiencia financeira.
Tampouco alude a que o Estatuto de Autonomía establece que os entes locais percibirán os seus ingresos a través da Comunidade Autónoma, ou que a Lei Reguladora de Bases do Réxime Local obriga a dotalas dos recursos suficientes. Tamén obvia o Pacto Local de 2006, polo que a Xunta prestará financiamento, regulará o Fondo Galego de Cooperación Local e o FCI, e asumirá o mantemento dos centros de saúde e dos centros educativos que lle deberan corresponder.
Acusou ao goberno galego de estar “máis preocupado por confrontar e colaborar só cos concellos gobernados polo PP”, xeneralizando un “reparto caciquil dos fondos que son de todos os galegos e as galegas”. Rodríguez Rumbo reclamoulle hoxe ao goberno galego que acorde a distribución dos fondos destinados aos concellos “acabando co reparto caciquil”, pero que foi rexeitado polo PP.
Tamén pedía a delimitación das competencias locais, determinando o seu financiamento de forma nidia, establecendo un mecanismo de visualización das transferencias recibidas cada ano por cada concello. Ademais, propuxo que cada consellería acorde individualmente coa Fegamp un plan estratéxico cos criterios de reparto dos convenios, tal e como establece a normativa autonómica, ademais de fixar un Plan de reequilibro territorial que atenda ás necesidades dos 313 concellos.