Incide na intención do PSdeG de chegar a acordos, pero advirte sobre o rodillo do PP no Parlamento galego: “normalmente impón a súa vontade porque ten os votos suficientes”
A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de pedir un “acordo de país” en cuestión de financiamento para que Galicia “non perda o seu status”.
Fíxoo, hoxe, no Parlamento de Galicia, onde se aprobaron as normas de funcionamento da comisión non permanente especial para abordar a proposta da comunidade autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento e ademais se rexistrou o plan de traballo que será debatido na Cámara galega o próximo día 23 de decembro.
Ao fío disto, Rodríguez Rumbo avogou pola busca de acordos por parte do PSdeG, pero advertiu sobre o rodillo do PP no Parlamento galego ao impor o seu criterio na maioría dos debates.
“Chegamos a esta comisión partindo da idea de poder chegar a consensos co grupo maioritario da Cámara e tamén co outro partido da oposición, malia que a realidade é que na práctica, durante estes anos no Parlamento, o PP normalmente impón a súa vontade porque ten os votos suficientes e non avoga polo consenso”, sentenciou a voceira socialista.
Así, Rodríguez Rumbo ofreceu “man tendida” por parte do Grupo Socialista, pero “xa veremos como se vai desenvolvendo a comisión”. “Esperamos que esa man tendida sexa recollida polo PP”, concluíu.