Reclamoulle hoxe á Xunta posta en marcha dun plan de actuación para combater esta lacra social tras 13 anos de goberno nos que os datos demostran que “nunca foi unha prioridade”
A vicevoceira do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou hoxe a negativa do Partido Popular a aprobar unha proposición non de lei presentada polo PSdeG na que se lle pedía á Xunta que elaborase no primeiro semestre de 2022 un plan de actuación contra a pobreza a exclusión social en Galicia.
Rodríguez Rumbo defendeu esta iniciativa na Comisión de Economía do Parlamento, onde alertou da “preocupante situación” que están a padecer moitos fogares galegos que aínda non se tiñan recuperado da crise de 2008 e que se viu agravada polas consecuencias económicas e sociais derivadas da pandemia provocada pola covid-19. Con todo, o Partido Popular votou en contra desta proposta, o que supón avalar unha situación na que a loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia “nunca foi unha prioridade para os distintos gobernos encabezados por Núñez Feijóo na Xunta de Galicia”.
Para Begoña Rodríguez Rumbo é tamén a constatación da “indolencia” do PP e dos sucesivos gobernos de Feijoo ante “unha situación límite” que afecta a milleiros de galegos. Parafraseando ao propio Feijoo, a deputada socialista concluíu que “se non votan a favor é porque o presidente da Xunta non ten corazón”.
Como mostra desta “situación límite”, a deputada socialista sacou a relucir os datos do último informe publicado pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza sobre “O estado da pobreza en Galicia 2020”. Ese estudo releva que na nosa comunidade hai 694.367 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, o que supón o 25,7 % da poboación galega. É dicir, 1 de cada 4 galegos e galegas están en risco da pobreza ou exclusión social, 38.389 máis que no ano anterior.
A maiores, a deputada socialista incidiu en que hai 598.000 persoas no limiar da pobreza e 253.000 persoas que padecían pobreza severa. Ademais evidencia novamente a feminización da pobreza cunha taxa en mulleres que pasou do 24,1% ao 26,2% en 2020, o que supón un incremento de 2,1 puntos nun ano mentres que a dos homes incrementouse en menos dun punto.
Na súa intervención, Begoña Rodríguez Rumbo alertou de que a situación da pobreza e a exclusión social no noso país “xa era alarmante antes da pandemia” e que, malia todo, “non se identificou como un problema a combater, normalizando esta situación cando os datos xa apuntaban que a situación no canto de mellorar empeoraba.
Achacou esta situación á “falla de accións políticas dos gobernos Feijóo na Xunta de Galicia para poder combater esta lacra social que afecta ao desenvolvemento vital das persoas”. Así, explicou que durante os 13 anos de goberno Feijóo a política “non foi útil para axudar ás persoas máis desfavorecidas a saír desta situación e insertarse con normalidade na sociedade permitíndolle desenvolver o seu proxecto vital”.
Por iso, Rodríguez Rumbo reivindicou políticas económicas, sociais e de emprego para reverter esta situación e axudar ás persoas que peor o están pasando. Nesta liña, fixo fincapé na necesidade de implementar políticas de acceso ao emprego de calidade e á vivenda, tendo en conta que son “dúas das causas que máis peso teñen e que impediron a reversión desta situación”.
Ao mesmo tempo, Begoña Rodríguez Rumbo advertiu que o propio goberno galego incumpriu o seu obxectivo de reducir a poboación en risco de pobreza ou exclusión social en 100.000 persoas, tal e como se establecía no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Para máis, o que lle dará continuidade para os anos 2022-2030 revela a pouca ou nula implementación de políticas públicas reais para reverter esta situación e cumprir co obxectivo de reducir a pobreza á metade que no 2015.
Begoña Rodríguez Rumbo explicou que o acceso ao emprego debería ser “a ferramenta determinante para saír da pobreza”, pero “as persoas accederon de forma moi limitada ao emprego nos anos de recuperación económica anteriores ao confinamento, e as que o atoparon foi de baixa calidade e en condicións de precariedade laboral”. Así, en 2021, había 50.900 fogares con todos os seus membros en paro, 1.100 fogares máis que no mesmo trimestre de 2009. Tamén 28.000 fogares sen ingresos, 10.600 máis que en 2009.
Fronte a isto, Begoña Rodríguez Rumbo alertou da baixa execución das políticas activas de emprego e a “insultante baixa execución da formación para a empregabilidade”. “Nos 13 anos que leva ao fronte da Xunta de Galicia, dende 2009, dos 5.154 millóns de euros asignados a políticas de emprego, Feijóo deixou sen gastar 1.775 millóns de euros, o 34,4% do crédito asignado”, lamentou a deputada socialista.
A maiores, o incremento en máis de 1.500 millóns de euros no orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia en 2021 ata chegar aos 13.396 millóns de euros grazas aos fondos procedentes do Estado e da Unión Europea, “non supuxo que o Goberno galego puxese as medidas precisas para reverter esta situación”.
Por contra -tras lembrar que os ingresos máis importantes da Xunta veñen dos impostos pagados a través do IRPF, do IVE o dos hidrocarburos- Begoña Rodríguez Rumbo alertou dunha política fiscal da Xunta que segue a beneficiar ás rendas máis altas en detrimento das máis baixas. Isto tradúcese en “máis precarización da sanidade, da educación e dos servizos sociais, así como de menos atención ás persoas e familias máis vulnerables”.
Tamén lembrou que mentres o goberno central crea o Ingreso Mínimo Vital de maneira complementaria coas rendas autonómicas, a RISGA segue a ser incompatible co IMV. A maiores, Galicia é unha das sete comunidades que reducen o número de beneficiarios das rendas mínimas e, ademais, recortan o seu orzamento “coa coartada do IMV”.
Ademais de reclamar a elaboración no primeiro semestre de 2022 un plan de actuación contra a pobreza e a exclusión social con orzamento, prazos e medidas concretas e medibles, o Grupo Socialista tamén reivindicaba executar na súa totalidade os orzamentos destinados a políticas de vivenda, políticas de emprego e para a loita contra a pobreza.
Tamén se solicitaba elaborar, a través do CES, no segundo trimestre deste ano, un estudo no que se valoren as repercusións económicas e sociais que supoñen a situación actual da pobreza e a exclusión social en Galicia.