Critica que o director xeral do Igape remita ao Rexistro Mercantil e lémbralle a obriga de cumprir coa Lei de Transparencia
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe a opacidade e a falla de control da Xunta sobre a actividade da sociedade público – privada Impulsa, creada polo goberno galego para canalizar os proxectos aspirantes aos fondos Next Generation. Rodríguez Rumbo amosou a súa perplexidade por que o director xeral do Igape remitira ao Rexistro Mercantil no canto de ofrecer a información.
Rodríguez Rumbo lembrou que o 40 por cento do capital da dita sociedade lle corresponde ao goberno galego, ademais da participación que ten en Sogama e en Reganosa, que tamén forman parte do accionariado desta sociedade. Polo tanto, dixo, está obrigada a cumprir coa Lei de Transparencia de 2016, que obriga a presentar publicamente as súas contas e presentar información económica, orzamentaria e estatística.
A responsable socialista advertiu ademais de que por moito que o Igape presuma de que a sociedade dispón dun suposto código ético, de protocolos de actuación e dun manual de prevención de delitos, estes nunca foron feitos públicos. Así o dixo logo de reclamarlle que presentara un plan de medidas antifraude e de prevención de riscos de xestión, un código ético de conduta ou un protocolo de prevención os conflitos de interese ou dobre financiamento.
Rodríguez Rumbo reclamoulle ao goberno galego que ofreza un balance e valoración sobre a actividade desenvolvida por esta sociedade, que “só é coñecida de cando en cando polas publicacións dos medios de comunicación”. Esixiu información sobre os proxectos nos que está a traballar a sociedade, así como un balance da súa situación e da conta de resultados, xa que, advertiu, “carecen da publicidade e transparencia” á que están obrigados.