Censura que se debata a conta xeral case dous anos e medio despois de finalizar o exercicio, xa que esta práctica “sepáranos da cidadanía” e “desvirtúa o labor do Consello de Contas”
A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez rumbo, denunciou hoxe “unha vez máis” o incumprimento das recomendacións do Consello de Contas por parte da Xunta de Galicia. Fíxoo durante o debate do ditame e das propostas de resolución aprobadas pola comisión non permanente de relacións co Consello de Contas respecto do informe de fiscalización do ente fiscalizador que inclúe a conta xeral de 2019.
“Para a Xunta e para o PP os informes de fiscalización do Consello de Contas son un mero trámite, un trámite incómodo que pretenden que pase sen ningunha repercusión, porque o ente pon en evidencia moitas eivas na xestión e na falla transparencia da Xunta de xeito reiterado ano tras ano, sen que o goberno galego tome nota e modifique o seu xeito de traballar”, alertou a socialista.
Ante o documento, o PSdeG presentou 36 propostas de resolución “que foron rexeitadas na súa totalidade polo rodillo maioritario” do PP e que recollen, segundo incidiu a socialista, “boa parte das recomendacións xa realizadas polo Consello de Contas”.
Neste marco, Rodríguez Rumbo censurou as propostas de resolución incorporadas polo PP, xa que “resultan cómicas e pouco serias” porque en vez de instar ao Executivo galego a realizar, facer ou asumir as recomendacións, “piden que o Parlamento continúe dando cumprimento”, cuestión que non se axusta á realidade, xa que “cando se parte de cero, non se pode falar de continuidade”.
Ademais, lamentou que o PP pida que se dite a norma para adaptar o plan de contabilidade cando este está aprobado dende o 2010 e é o propio Consello de Contas o que “ano tras ano” insta ao goberno galego a que o aplique. Malia isto, subliñou, a Xunta está aplicando un plan do ano 2001, o que supón que “22 anos despois aínda non o teñen adaptado”.
DENUNCIA ANOMALÍAS NO DESENVOLVEMENTO DA COMISIÓN E DO PLENO
Doutra banda, Rodríguez Rumbo censurou as anomalías no desenvolvemento da Comisión do Consello de Contas e na celebración deste Pleno, xa que o documento tardou oito meses en chegar á comisión e nove meses en ir ao pleno, o que implica un “enorme retraso” no debate dos informes de fiscalización e na rendición da conta xeral.
“Na maioría dos parlamentos do Estado este debate faise de forma separada e outorgándolle importancia ao seu contido”, incidiu a socialista, quen destacou que, mentres en Galicia debatemos a conta xeral de 2019, a día de hoxe noutras autonomías xa debateron a conta xeral de 2020, como é o caso de Asturias, Canarias, Comunidade de Madrid ou Comunidade Valenciana.
Aquí, lamentou, “debatemos a conta xeral case dous anos e medio despois de finalizar o exercicio, unha cuestión que non é menor e que nos separa da cidadanía e prexudica ao Consello de Contas”.
“Con estas prácticas desvirtúase o labor do Consello, o impacto do contido dos informes pasa desapercibido e réstalle a importancia que merece a este órgano estatuario ao que o Parlamento concede medallas, pero non dignifica o seu traballo”, o cal supón, incidiu, “unha falla de respecto” ao ente fiscalizador.
Por último, Rodríguez Rumbo censurou a falla de tempo tanto en comisión como en pleno para debater unha cuestión de tal relevancia para a comunidade autónoma, polo que urxiu ao Executivo galego a mudar o funcionamento deste sistema.