A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista esixe á Xunta que xestione de “xeito adecuado” a liña covid de axudas directas de máis de 7.000 millóns de euros que o goberno do Estado transferirá ás comunidades autónomas
Rodríguez Rumbo vén de criticar a baixa execución orzamentaria do IGAPE, xa que “dos 428 millóns de euros de crédito inicial consignado nos orzamentos de 2020, só foi quen de executar o 47%”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Economía do Parlamento trala presentación dunha serie de preguntas á Dirección do IGAPE.
“Parécenos moi grave, considerando que a falla de execución do IGAPE e, polo tanto, de dispor de recursos no tecido produtivo, pode ter contribuído a que non exista en Galicia un sistema robusto capaz de afrontar con maior facilidade situacións de crise como a que estamos a vivir”, aseverou a socialista.
Ante o anuncio do goberno de España que transferirá ás comunidades autónomas unha liña covid de axudas directas de 7.000 millóns de euros para os sectores máis afectados polas restricións sanitarias, a responsable socialista pediu á Xunta que xestione os fondos “de xeito adecuado” e os empregue para “cambiar as bases do sistema produtivo galego, no que haxa máis diversificación e empresas máis robustas”.
“Parécenos que, cos datos na man, o IGAPE non está facendo todo o que ten que facer para robustecer o tecido produtivo galego”, aseverou a responsable socialista quen lamentou que “xa non o facía” xa antes da covid. Así, instou ao goberno galego a “aproveitar todos os recursos dispoñibles” para fortalecer a nosa economía.
Rodríguez Rumbo alertou sobre a perda de creación de emprego en Galicia cando 12.000 negocios galegos pecharon ou despediron a todo o seu cadro de persoal. Ademais, amosou a súa preocupación pola inacción do goberno galego cando “o norte luso está redobrando a ofensiva para captar investimento empresarial”.
Neste senso, a responsable socialista lamentou os “preocupantes” datos económicos da EPA que amosan que no cuarto trimestre de 2019, “dez anos despois de que Feijóo entrase na Xunta, pero antes de que comezase a pandemia”, Galicia xa dispoñía de 46.200 persoas ocupadas menos que o mesmo trimestre de 2009, sendo esta ocupación menor en todos os sectores, agás os servizos.
Así, subliñou, este dato “se incrementou coa chegada da covid”, xa que os datos do cuarto trimestre de 2020 amosan que Galicia tivo 61.300 persoas ocupadas menos que en 2009, “o que supón que nun ano se incrementaron en 15.100 as persoas desocupadas en Galicia”.