Enxalza a “aprobación con sobresaínte” por parte da Comisión Europea do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia presentado polo goberno de España
A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de censurar a “continua actuación caciquil” no reparto de fondos públicos por parte da Deputación de Ourense. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Orzamentos do Parlamento, logo dunha pregunta ao goberno galego.
A responsable socialista sacou a colación o último informe do Consello de Contas sobre a Deputación de Ourense logo de que esta detectase “defectos graves” nas contas deste ano. “O que alí se conta é algo habitual”, destacou a socialista, quen criticou as “prácticas de dedazo” da administración provincial gobernada polo PP de Baltar.
Nesta liña, Rodríguez Rumbo incidiu en que o Plan Único aprobado por cada unha das deputacións é desequilibrado cando a Deputación da Coruña dedica 64,6 millóns de euros para os seus concellos; a Deputación de Pontevedra, 42,2 millóns de euros; a Deputación de Lugo, 21,5 millóns de euros; e, pola contra, a Deputación de Ourense, a única gobernada por un goberno do PP, “tan só dedicou 7,2 millóns de euros” para os seus 92 concellos.
Con todo, a socialista pediu explicacións ao goberno galego sobre esta situación, xa que, segundo a lei vixente, “para acadar unha eficaz coordinación dos investimentos públicos no territorio galego, os programas de cooperación económica coas entidades locais que elaboren as deputacións provinciais, calquera que sexa a súa denominación e natureza, serán postos, antes da súa aprobación, en coñecemento da Xunta de Galicia e da Comisión Galega de Cooperación Local”.
“SATISFACCIÓN” POLA APROBACICIÓN DO PLAN DE RECUPERACIÓN
Noutro orde de cousas, Rodríguez Rumbo enxalzou a “aprobación con sobresaínte” por parte da Comisión Europea do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia presentado polo goberno de España.
Nesta liña, a responsable socialista puxo en valor que o plan se sustenta en catro eixos: transición ecolóxica, transformación dixital, igualdade de xénero e cohesión social e territorial. Malia todo, censurou, o Partido Popular, “no canto de poñerse ao lado do goberno e arrimar o ombreiro en circunstancias excepcionais” como a xestión da pandemia, “buscou todas as críticas posibles e puxo todos os impedimentos ao seu alcance”.
“Esperamos, polo ben dos galegos e das galegas, que a Xunta de Galicia sexa quen de presentar os mellores proxectos para optar a estes fondos e teñan a seguridade de que os socialistas si estaremos para recibir uns fondos que teñen que servir para transformar o noso sistema produtivo”, concluíu.