Begoña Rodríguez Rumbo tilda o documento de “reseso” e “caducado” por ser elaborado en base á actividade económica do ano 2019
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, alertou hoxe de que o Plan Estratéxico de Galicia 2022 – 2030, presentado hoxe por primeira vez pola Xunta no Parlamento, foi elaborado en base a actividade económica ata 2019, é dicir, sen ter en conta nin o impacto da pandemia nin da guerra de Ucraína. Rodríguez Rumbo advertiu por iso que o texto chega ao Parlamento “reseso” e “caducado”.
A responsable socialista criticou que o texto foi enviado “tarde, mal e arrastro” no Parlamento, despois de ter sido presentado nun foro privado o 2 de marzo, sen que a Cámara tivera acceso a el ata hai dez días, malia que a Xunta se comprometera a envialo no mes de xaneiro. Ademais, dixo, o propio texto recoñece que a información económica do ano 2020 é “provisional e menos detallada do que sería necesario para analizar con profundidade os efectos da crise” (páx. 87).
Rodríguez Rumbo explicou que tanto a análise como as conclusións e as previsións do documento están comprometidas, xa que a actividade económica que analiza o documento remata no ano 2019, e alertou de que “perdeu vixencia mesmo antes de entrar neste Parlamento”. Advertiu que “se nos facemos trampas e partimos dunha realidade socioeconómica que xa non é, dificilmente imos acadar bos resultados”.
Tarxeta básica
A parlamentaria socialista concluíu que o Plan “non contempla a realidade socioeconómica actual” e amosa un presidente e un goberno alleos á realidade. Lamentou nese sentido que a primeira medida de calado do presidente da Xunta para combater a situación dos fogares máis vulnerables teña sido precisamente suprimir a Tarxeta Básica que facilitaba entre 150 e 300 euros ás familias con menos recursos para adquirir produtos alimentarios, de hixiene ou farmacia.
Lamentou que “cando máis soporte se precisa da administración, a Xunta de Galicia elimina medidas que axudan a paliar os efectos negativos da situación actual”. E iso mentres “se dedican a criticar ao goberno do Estado, que aproba 15.000 millóns de euros para paliar os efectos da crise incrementando o Ingreso Mínimo Vital, as pensións non contributivas, creando un bono social, rebaixando os impostos aos combustibles, limitando os alugueres ou aumentando o bono eléctrico.