Lembra que Galicia é a quinta Comunidade Autónoma que máis fondos recibiu e reclámalle ao Goberno galego que dea conta da xestión dos 1.122 millóns transferidos
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe á Xunta de ter provocado o enfrontamento co Estado e cos concellos como “cortina de fume para agochar a súa nefasta xestión” na crise provocada pola covid e a guerra de Ucraína. Rodríguez Rumbo presentou unha interpelación no Parlamento na que lle esixiu á Xunta que dea conta da xestión dos fondos transferidos a Galicia.
A responsable socialista acusou á Xunta de seguir a liña marcada primeiro por Pablo Casado e agora por Feijóo de dirixirse a Bruxelas a sementar dúbidas sobre a execución dos fondos europeos e a cuestionar a reforma das pensións. Unha estratexia que, dixo, está cimentada sobre “cálculos electoralistas”, pero que foi desbotada pola propia presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, que malia ser do mesmo partido que Feijóo, defendeu a xestión de España.
Lembrou que, logo do desencontro con Feijóo, a propia Von der Leyen “cancelou sine die” a reunión co presidente da Xunta prevista para finais de marzo, “para ir falar mal do goberno de España”. Criticou que “no canto de colaborar nos momentos máis duros”, o PP nacional e o galego prefiran criticar a xestión deste país, que lidera a xestión e a execución dos fondos de recuperación.
Fondos
Rodríguez Rumbo explicou que Galicia foi a quinta Comunidade Autónoma que máis fondos recibiu, ata 2.868 millóns de euros dende 2021 ata marzo de 2023, dos cales 1.276 corresponden á xestión directa da Comunidade Autónoma, ademais de que está incluída en 8 dos 12 PERTES postos en marcha polo goberno. O presidente da Xunta ten recoñecido que Galicia recibiu xa 1.122 millóns de euros, e asegura que ten mobilizado o 100 por cen dos fondos.
Esixiulle ao goberno galego que explique a xestión destes 1.122 millóns de euros, entregados por parte do Estado a través dos fondos do mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que dea conta de como se materializan estes fondos na axuda aos sectores que os precisan.