A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, alertou hoxe da baixa execución orzamentaria do programa de apoio á internacionalización e modernización de empresas encetado polo Instituto Galego de Promoción Económica –Igape-. A responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión na que alertou do fracaso dos programas de internacionalización do organismo.
Rodríguez Rumbo sinalou que nos últimos cinco anos o goberno galego deixou sen executar 256 millóns de euros dispoñibles no programa de apoio á internacionalizacióne modernización de empresas do Igape, o que supón o 43 por cento do se crédito inicial orzamentado. Advirte de que “esa falla de execución e, polo tanto, de posta a dispor de recursos no tecido produtivo, ten contribuído a que non exista en Galicia un sistema robusto, capaz de afrontar con maior facilidade situacións de crise, como a que estamos a vivir”.
En concreto apuntou ao fracaso dos programas de internacionalización desenvolvidos polo Igape dentro do Plan Estratéxico de Galicia 2015 – 2020, que fracasou en tódolos seus obxectivos en Galicia, onde a incorporación de empresas á exportación tivo en Galicia “a metade de intensidade que no conxunto de España” entre 2009 e 2019. Ademais, Galicia perdeu o 1,6 por cento de empresas exportadoras en 2019, mentres no conxunto do Estado aumentaron un 2,6 por cento.
A parlamentaria socialista, que empregou os datos de 2019 para deixar á marxe o impacto económico da pandemia, amosou a súa sorpresa polo triunfalismo amosado polo Igape cando non acadaron “nin de lonxe” os obxectivos marcados. Así, fracasaron no obxectivo de que a participación das exportación acadara o 40 por cento do PIB, quedando no 34,79 por cento, e tampouco acadaron o incremento de empresas exportadoras ata as 8.000, ficando en 7.132.