A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, María Pierres, presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento celebrado hoxe para “garantir o acceso a vivenda de todas e de todos”. A proposta, que foi vetada polo PP, buscaba solucionar o problema da emancipación xuvenil en Galicia, que ten o sexto peor dato a nivel europeo, e facilitar a compra de vivenda a familias numerosas e persoas con discapacidade.
A deputada socialista retratou con datos un problema que en Galicia fai que “só un de cada 10 galegos se emancipe antes dos 25 anos e so 2 de cada 10 antes dos 30”. Os datos, ademais, indican que “so un 11 por cento dos xóvenes que viven cos país cobran mais de 1.000 euros ao mes”, mostrando que “non é porque non queiran é porque non poden”.
A representante socialista relacionou este problema co problema demográfico en Galicia, pois, explicou, “as xóvenes galegas “non se propoñen ser nais ata que deixan de ser xóvenes” expoñendo “un fracaso das políticas demográficas, de conciliación, de todas as políticas”. Pierres comparou os datos dos anos 2017 co do 76, entre os que hai unha caída do 60 por cento da natalidade, para exemplificar isto, mostrando como a idade media das nais caeu en 12 anos.
Plan de vivenda para a emancipación xuvenil
A deputada socialista expuxo a proposta socialista de “poñer en marcha un autentico Plan de vivenda para a emancipación xuvenil” que consistiría en aplicar medidas similares as de outras comunidades que “están moito mais implicadas en solucionar un problema no que Galicia ten as peores estatísticas.
A proposta propón a redacción dunha guía de vivenda e emancipación xuvenil para orientar aos mozos e mozas galegos na busca de vivenda e a creación dun servizo de emancipación xuvenil, dentro das competencias do IGVS. Este servizo encargaríase de xestionar a bolsa de alugueiro, valorar as vivendas, tramitar e mediar, así como reservar vivendas para mozos con diversidade funcional.
Ademais, reclamou unha partida específica para mozos e mozas con poucos recursos económicos, promovendo por outra parte experiencias de vivendas de alugueiro similares aos foyers en Francia ou as vilas joves en Barcelona, ou promover programas de aloxamento temporal de vivendas públicas para mozos.
Tamén propón fomentar a convivencia interxeneracional como alternativa de acceso, algo que, dixo, “encaixa perfectamente co impulso do cohousing”. Finalmente reclamou o aumento de dedución económica no IRPF de mais do 10 por cento por alugueiro de vivenda habitual para mozos con menores niveis de ingresos.