Luis Álvarez censura a xestión da Consellería de Educación “centrifugando responsabilidades nos centros” con protocolos imposibles de cumprir e sen coñecer a día de hoxe se haberá reforzo de persoal
O parlamentario socialista Luis Álvarez criticou hoxe a “autocompracencia” amosada pola Consellería de Educación logo de ter “sumido aos centros no caos organizativo” fronte ao inicio do próximo curso escolar. Así o dixo na Deputación Permanente do Parlamento na que reclamaba a comparecencia da conselleira de Educación logo do rexeitamento frontal da comunidade educativa fronte a un protocolo de seguridade que descarga toda a responsabilidade nos centros escolares, e que foi rexeitada polo PP.
Álvarez sinalou que “non son xa momentos de centrifugar responsabilidades nos centros, senón de dotalos dun marco estable e seguro e dos recursos humanos necesarios” de cara ao comezo do próximo curso escolar. Reclamou un protocolo “froito do consenso e dotado dos recursos necesarios” para ofrecer unha resposta acaída ás continxencias previsibles do próximo curso, mentres Educación “presentou un borrador 4 días despois das eleccións autonómicas”.
Aquel protocolo, que descarga a responsabilidade nos equipos directivos, provocou o abandono da Mesa polas centrais sindicais, mentres os pais e nais din que “non garante a seguridade do alumnado”, ademais de ter “demasiadas indefinicións”. Os concellos, pola súa banda, veñen de criticar que é “imposible cumprir coas obrigas de limpeza e hixienización dos centros” e reclaman tanto novas medidas como a capacidade económica para poder atendelas.
Finalmente, criticou que o profesorado segue sen coñecer a día de hoxe o número de profesores que se van incorporar no próximo curso, xa que a Xunta responde simplemente que será “o suficiente”, mentres outras comunidades autónomas xa teñen fixado o número de profesores de reforzo que van contratar.
Sinalou ademais que onte mesmo, a un día das vacacións dos profesores, a Consellería de Educación publica unha instrución de cara ao curso 20-21 con referencia a un protocolo “aínda sen aprobar”. Criticou a “falla de solvencia educativa” por parte da Consellería, e sinalou que “algo se fixo mal e alguén terá que dar explicacións” na xestión da situación excepcional de cara ao próximo curso.