A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, alertou hoxe de que as políticas sociais da Xunta para os colectivos en risco de exclusión van “costa abaixo e sen freos”. Blanco presentou unha pregunta oral en Comisión diante do repunte no indicador Arope, que mide a taxa de pobreza e que aumentou un punto en Galicia segundo o último informe.
A responsable socialista sinalou aos informes de Foesa Cáritas e EAPN sobre o estado da pobreza para sinalar unha situación “alarmante”, con repuntes nos anos de recuperación económica, sinalando que hai 128.000 fogares con menos de 370 de euros de ingresos mensuais, e 511.000 persoas vivindo en fogares en condicións de insalubridade, superando a situación de 2008.
Blanco advertiu que a pobreza laboral e os problemas derivados da infravivenda son “as dimensións nas que en maior medida se reflicte a exclusión social”, mentres o gobenro galego tan só fixo 8 vivendas de promoción pública nun ano, mentres cada ano aumentan en 2.500 os demandantes en Galicia.
Advertiu que a situación empeorou sinaladamente dende 2013 mentres o goberno galego continúa realizando unha xestión “de mínimos” e “para ir tirando”, instalados no “conformismo” que os levou a tardar 5 anos en aprobar o decreto de desenvolvemento da Risga. Neste sentido, apuntou que hoxe hai 47 concellos sen ningún preceptor destas axudas, e en 2018 rexistrouse o número máis baixo de peticións dende 2013, que atribuíu á dificultade burocrática e baixas axudas.
Proposta
Reclamou unha estratexia de loita contra a desigualdade, a pobreza e a exclusión social que recolla un programa de Renda Mínima compatible co salario ampliando a axuda aos menores, un plan de choque de loita contra a pobreza e exclusión social dirixido aos fogares sen ingresos e un plan de vivenda de promoción pública e alugueiro nos concellos galegos, incluíndo a posta en marcha inmediata do programa de vivenda housing first para persoas en exclusión.