O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para facerlle fronte á situación que se está a vivir nas zonas da Praia da Lamiña e do Codesal, en A Guarda. A portavoz de Medio Ambiente, Patricia Vilán, reclamou na Comisión de Medio Ambiente o inicio das obras de reparación na praia neste mesmo ano.
Vilán puxo de manifesto a perda do terreo e de zona dunar que están sufrindo as praias de Lamiña e do Codesal. Alegou que “o alcalde de A Guarda dirixiu un escrito á Consellería e outras autoridades competentes nacionais reclamando accións urxentes”. E manifestou que o feito de non estar xa facendo algo pode responder a que “ o Concello está gobernando por un goberno socialista e non popular”.
Trasladou a preocupación das vivendas que están preto, dicindo que “hai vivendas e o medo que teñen é que as dunas se rompan e lles chegue a auga”. Denunciou unha falla de preocupación polo medio ambiente por parte do Goberno, facendo alusión ós sacos que se están a usar para actuar de contención, os cales “ser son degradables, pero biodegradables é moi difícil que o sexan”.
Do mesmo xeito, recalcou que “as autoridades portuguesas que actúan na ribeira lusa son máis rápidas mentres que as españolas deixan que o río actúe, sendo a resposta da Xunta: o río ten que facer o seu traballo”
Con isto, dende o grupo socialista creen necesario “que haxa unha actuación urxente”. E por elo na proposta pediron tramitar, de forma urxente, as obras de reparación e solicitar un informe técnico, de maneira inmediata, ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado un informe técnico ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas –CEDEX- e de acordo con ese informe, que leve a cabo no Concello de A Guarda en 2018 as obras de reparación e contención nas zonas da praia da Lamiña e Codesal”.