O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha moción socialista para pedirlle ao goberno central a paralización do “acoso fiscal” iniciado por Montoro aos emigrantes retornados con pensión no estranxeiro. O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, estableza medidas de protección aos pensionistas afectados pola suspensión do pagamento das súas pensións polo goberno de Venezuela.
O responsable socialista lembrou que Galicia “non está somentes nas 4 provincias, senón tamén na diáspora, o que nos obriga a mirar polos emigrantes que teñen decidido retornar”. Aludiu neste sentido ao incumprimento reiterado por parte do goberno central presidido por Rajoy de tódolos acordos parlamentarios en Galicia e no Senado, para protexer aos emigrantes retornados.
Instou ao PP ademais a “emendar os orzamentos para reformar o IRPF e frear a persecución contra este colectivo iniciada por Facenda baixo o goberno do PP”, e criticou neste sentido que as emendas que teñen anunciado sexan “por revancha contra o PNV”.
Díaz Villoslada subliñou o “compromiso absolutamente indiscutible” do actual presidente do Goberno coa “defensa das liberdades públicas, dos procesos electorais transparentes e cos dereitos humanos” con relación a Venezuela.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a tomar todas as medidas precisas para garantir o retorno dos galegos e galegas emigrantes en plenitude de dereitos, e a tal efecto:
1º Dirixirase ao Goberno central para establecer con carácter de urxencia un procedemento de homologación das pensións do estranxeiro coas pensión da Seguridade Social para que, as que sexan por incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez que están exentas do IRPF, se exclúan de calquera requirimento que se faga a efectos fiscais.
Namentres non se dispoña desta homologación, paralizaranse os requirimentos que a Administración tributaria está a facer aos emigrantes retornados con pensións públicas do estranxeiro, non procedendo a iniciar actuacións de xestión, investigación ou liquidación do IRPF para estes supostos.
2º Impulsará o inmediato cumprimento dos acordos transaccionados na Proposición non de Lei 8571 do Grupo dos Socialistas de Galicia na sesión do pleno do Parlamento de Galicia celebrada o 24 de maio de 2017.
3º Dirixirase ao Goberno central, en tanto os galegos residentes en España non volvan recibir o pagamento das pensións con cargo á Seguridade Social de Venezuela, a dar efectivo cumprimento ao acordado na Proposición no de Lei aprobada pola Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso dos Deputados na súa sesión do pasado 13 de decembro de 2017, sobre medidas para paliar a situación de desprotección xerada aos pensionistas afectados pola prolongada suspensión do pagamento das súas pensións por parte do Goberno de Venezuela, presentada polo Grupo Parlamentario Socialista.
4º Modificar o criterio de concesión e xestión das pensións non contributivas por parte da Consellería de Política Social, mentres se dean as circunstancias expostas no parágrafo anterior, para incluír a efectiva percepción doutra pensión, sempre e cando o Imserso adopte este criterio nas súas instrucións.
5º Dada a crítica situación dun gran número de galegas e galegos retornados de Venezuela que levan máis de dous anos sen percibir as súas pensións do Goberno daquel país, a Xunta de Galicia establecerá un protocolo especial para a atención integral deste colectivo”.