O Parlamento aprobou hoxe en Comisión unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que adopte medidas dirixidas a loitar contra a ludopatía entre a mocidade. A portavoz de Política Social, Noela Blanco, reclamou mecanismos de control no risco de máquinas comecartos e a regulación das apostas por internet.
54z
A responsable socialista alertou da especial incidencia das apostas online, que se multiplicou por cinco entre 2010 e 2017, e “está sendo a aposta máis cara para a mocidade”. De acordo cun estudo elaborado pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e o usuario da Universidade de Santiago de Compostela, explicou, un 3,3 por cento dos menores galegos (1.465) apostaron por primeira vez con 12 ou 13 anos.
Blanco advertiu que no conxunto da ESO, un 6,4 por cento dos estudantes apostaron nalgunha ocasión diñeiro online, en torno a 7.000, a meirande parte deles en apostas deportivas. A porcentaxe, dixo, medra ata o 8,4 por cento “se sumamos tamén aos alumnos e alumnas de bacharelato”.
Explicou que “os datos dan a medida da enorme gravidade do problema”, cando a media de idade do adolescente que aposta diñeiro online é de 15,3 anos, e ademais “é máis probable que os mozos e mozas que participan en xogos de azar teñan condutas de risco, como pode ser o sexting ou o acoso dixital”.
A proposta aprobada hoxe reclámalle á Xunta que habilite mecanismos de control das máquinas comecartos e que regule o xogo en liña, “incidindo fundamentalmente na regulación da publicidade”. Sinalou que “a administración galega ten limitacións neste ámbito, pero tamén ten posibilidades de actuar como están a facer outras comunidades autónomas”.
Propuxo ademais campañas de sensibilización e prevención da ludopatía e expor na Comisión do Xogo de Galicia, creada pola Lei de xogos e apostas de Galicia, o desenvolvemento da defensa dos sectores máis vulnerables, sinaladamente os e as menores.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a previr e combater a ludopatía entre a mocidade poñendo en marcha, entre outras, as seguintes medidas:
1. Habilitar mecanismos de control no risco de máquinas comecartos, con toda a urxencia posible, ao ser o risco de adicción máis estendido.
2. Establecer unha regulación clara, concisa, e estrita sobre os distintos programas de incitación á práctica das diversas modalidades de xogo en liña, incidindo fundamentalmente na regulación da publicidade.
3. Realizar campañas de sensibilización e prevención da ludopatía, dotadas orzamentariamente, con proxectos dirixidos a menores e que incorporen a perspectiva de xénero.
4. Expor na Comisión de Xogo de Galicia (creada a través da Lei 14/85, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, como órgano de estudo, coordinación e asesoramento das actividades relacionadas coa práctica de xogos e apostas en Galicia) o desenvolvemento de defensa dos sectores máis vulnerables, especialmente os e as menores, aplicando o principio de responsabilidade da Administración para que se establezan mecanismos de regulación de obrigado cumprimento, priorizando os intereses da sociedade en xeral e non só os intereses dos axentes económicos.
5. Valorar a posibilidade de:
a) Realizar un estudo sobre a incidencia das condutas de risco relacionadas co xogo na poboación galega, distinguindo idade e sexo, e os servizos de rehabilitación existentes no territorio.
b) Organizar cursos de formación para profesorado, pediatras e profesionais da Atención Primaria en relación á detección de condutas aditivas e a actuación profesional a seguir”.