A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento aprobou hoxe a proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que habilite rutas ciclistas por toda a costa galega. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, defendeu esta iniciativa para pedirlle á Xunta que se adhira á iniciativa EuroVelo Atlántico permitindo percorridos ciclistas dende Caminha por toda a costa galega.
A responsable socialista levou ao Parlamento este proxecto da Federación Europea de Ciclistas, que en Galicia foi abandeirada pola entidade ConBici, dirixida a permitir atravesar Europa en bicicleta. Trátase de 15 rutas ciclistas que percorren Europa e que no caso do Eurovelo Atlántico permitiría estenderse dende Camiña, en Portugal, por toda a costa galega e o prazo para adscribirse remata en 2019.
A iniciativa aprobada hoxe inclúe ademais dirixirse ao Goberno do Estado para que facilite o transporte de bicicletas no ferrocarril. O espazo para trasladar as bicicletas, sinala, viuse reducido á metade na liña entre Vigo e A Coruña –antes eran 6 e agora só 3- para instalar máquinas expendedoras.
Ademais, dixo, hai que pagar unha tarifa extra, pero esta non se pode reservar por web, senón que hai que comprala na estación, sen saber previamente se hai praza libre, e cada billete ocupa o espazo na totalidade do traxecto.
Esta circunstancia impide que o mesmo enganche sexa utilizado por dous usuarios distintos no mesmo traxecto, culminando un conxunto de problemas que “dificulta a desexable combinación de tren e bicicleta para os desprazamentos.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento insta ao Goberno da Xunta de Galicia a:
1º Seguir traballando na sinalización e promoción da ruta EuroVelo 3 en Galicia, amosando o compromiso con esta rede europea, e impulsar a favorecer a extensión da EuroVelo 1 ou do Atlántico pola costa de Galicia.
2º Demandar ao Goberno do Estado que RENFE desenvolva as modificacións necesarias para que os billetes para bicicletas se poidan mercar na páxina web ou na aplicación móbil de RENFE, que se podan facer por traxectos efectivos e non completos e que se estude a posibilidade de adaptar a oferta e demanda dos espazos destinados a bicicletas en cada tren, sen diminuír os espazos reservados ao usuario”.
Seguridade na N-550
Por outra parte, a portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, interveu hoxe en Comisión no debate da iniciativa conxunta dos catro grupos parlamentarios para mellorar a seguridade na N-550. A responsable socialista chamou a atención sobre os tramos da vía que continúan supoñendo un risco grave sinaladamente para peóns e ciclistas e urxiu ao PP a garantir que o goberno estatal “nos faga caso” nestas demandas.
Sinalou que esta vía, que une A Coruña e Tui, resulta “extremadamente perigosa en varios puntos para todos os usuarios da vía, pero sobre todo carece dunha configuración axeitada para peóns e ciclistas, polo que compre adoitar medidas estruturais que garantan a súa seguridade”.
A proposta aprobada hoxe pídelle á Xunta que se dirixa ao Goberno do Estado para demandar beiravías transitables, sinalización vertical coa obriga de adiantar afastándose 1,5 metros dos ciclistas como mínimo cada dous quilómetros no tramo Bértola – Pontevedra, ou a redución a 50 quilómetros por hora no tramo de concentración de accidentes.
Tamén inclúe a mellora da iluminación en toda a estrada, así como o fomento do uso da estrada AP-9 no tramo Vilaboa – Pontevedra para reducir a cantidade de tráfico e o risco de atropelo pola estrada nacional, e priorizar a vía verde para a mobilidade en bicicleta coa cesión por parte de Adif de vías ferroviarias sen uso no tramo Pontevedra – Pontesampaio.