A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para pedirlle á Xunta un “paquete de medidas” dirixido a evitar a suba dos combustibles, moito maior en Galicia que no resto do Estado.
O portavoz de Economía, Industria e I+D+i, Abel Losada, apuntou que a pesares dos anuncios do goberno galego, que no ano 2014 anunciaba unha ofensiva para evitar esta discriminación de Galicia, a realidade é que este inverno foi a Comunidade Autónoma peninsular na que máis medrou o prezo combustible. Sinaladamente, dixo, o diésel vén de sufrir en decembro o maior incremento dos últimos 30 meses, duplicando en Galicia a media de todo o Estado.
Lembrou que o goberno galego ten publicitado en 2014 que enviaría á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia un informe pedíndolle que investigara o maior prezo do combustible en Galicia, co efecto que se ten apuntado anteriormente. Censurou que, a pesares de que cando o prezo do combustible descendía este se trasladaba lentamente aos prezos aos consumidores, o incremento provoca un “forte aumento de prezos”.
A Comisión de Industria aprobou así por unanimidade pedirlle á Xunta que presente un paquete de novas medidas dirixidas a evitar o intenso incremento dos prezos en Galicia con respecto ao resto do Estado. Ademais, reclámalle “reforzar e mellorar os mecanismos de control e defensa da competencia e dos consumidores no marco das competencias autonómicas”.
Finalmente, insta ao goberno galego a intensificar a suposta colaboración coa CNMC para “atallar as distorsións do mercado que están a producir os diferenciais nos prezos dos combustibles que se están a producir en Galicia con respecto ao resto de España”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia:
1. Presentar un paquete de novas medidas que contribúa e evitar o forte incremento dos prezos dos combustibles que se está a producir en Galicia fronte ao conxunto de España.
2. Reforzar e mellorar os mecanismos de control e defensa da competencia e dos consumidores no marco das competencias autonómicas.
3. Estreitar e potenciar a colaboración coa Comisión Nacional de Mercados y la Competencia (CNMC) para atallar as distorsións do mercado que están a producir os diferenciais nos prezos dos combustibles que se están a producir en Galicia con respecto ao resto de España”.