A Comisión Institucional do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo socialista para reclamar a equiparación salarial dos policías nacionais e gardas civís que traballan en Galicia. A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou rematar coa “intolerable discriminación” con relación ao resto do Estado.
A responsable socialista urxiu ao PP a facer “propósito serio de emenda neste asunto”, e advertiu da “dificultade case que patolóxica” dos conservadores para rematar coas discriminacións”. Así o dixo logo das desafortunadas declaracións do presidente do Goberno renunciando explicitamente a regular a equiparación salarial entre homes e mulleres.
Apuntou que “sabemos que vostedes séntense cómodos coa discriminación, vai no seu ADN, pero os socialistas entendemos que a única discriminación tolerable é a discriminación positiva cando se trata de beneficiar a algún colectivo prexudicado”, Engadiu que, “ao contrario de vostedes, entendemos que todos e todas debemos ter os mesmos dereitos e oportunidades”.
Esta situación repítese, sinalou, na situación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, a comunidade autónoma con menor cifra de policías nacionais e gardas civís por habitante, e a que máis funcionarios ten perdido. Explicou que entre xullo de 2010 e 2016 a plantilla reduciuse nun 8,3 por cento, o que sextuplica a redución de persoal xeral en toda España nese mesmo período, o 1,4 por cento.
Esta redución, dixo, trasladouse aos salarios dos traballadores e traballadoras do sector público, que o goberno galego xustificou en base á crise económica, e que mantén a pesares da suposta recuperación.
Advirte que a diferenza salarial entre as policías do Estado Español “constitúe unha evidente incoherencia e está distanciada claramente das retribucións dos Mossos d’Esquadra, da Policía Foral e da Ertzaintza, ademais da conxelación salarial de 2010.
Os socialistas reclamaron por iso pedirlle ao goberno do Estado a progresiva equiparación salarial dos policías nacionais e gardas civís con outros corpos policiais, de forma que no ano 2020 se acade a equiparación total, dando resposta á unánime demanda que todas as organizacións sindicais da Policía Nacional e todas as asociacións da Garda Civil están a plantexar en unidade de acción.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
1. “O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia que demande ao Goberno do Estado a progresiva equiparación salarial dos policías nacionais e gardas civís con outros corpos policiais, de tal forma que no ano 2020 se acade a equiparación total, dando así resposta á unánime demanda que todas as organizacións sindicais da Policía Nacional e todas as asociacións da Garda Civil están a plantexar en unidade de acción.
2. O Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio á equiparación salarial do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil con outros corpos policiais nos termos que se acorden co Ministerio do Interior na Mesa técnica de negociación e que se reflexen na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018”.