A Comisión de Estudo sobre a vaga de lumes aprobou hoxe as súas normas de funcionamento incorporando unha transacción cunha suxestión presentada, entre outros grupos, polos socialistas galegos para que remate os seus traballos “o antes posible, e en todo caso antes do remate de 2018”.
O portavoz en Política Forestal do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, reclamou “flexibilidade” nas sesións deste organismo para que poida “adaptarse ás circunstancias”, o que considera “fundamental para acadar un resultado satisfactorio para o país”. Os socialistas galegos solicitaron fixar todo o próximo ano como prazo para o traballo da Comisión en previsión dunha intensa axenda de comparecencias.
Sinalou que este límite temporal resulta “de sentido común” porque, explicou, “correr non vai ser o obxectivo” deste órgano pero, puntualizou, “se remata en setembro mellor que en novembro, e se remata en xullo, ídem”. Sen embargo, o PP non aceptou unha proposta socialista para abrir a posibilidade de celebrar sesións extraordinarias non previstas no calendario inicial.
Bis a bis
Quiroga presentou as aportacións socialistas ás normas de funcionamento, que incluían a posibilidade de establecer un bis a bis cos comparecentes durante un tempo máximo de vinte minutos mantendo ademais unha quenda final de cinco minutos. O PP rexeitou unha proposta de transacción proposta neste sentido polos socialistas galegos, polo que se abstiveron na votación da proposta de normas de funcionamento.
O portavoz socialista reclamou “altura de miras” para desenvolver un traballo afastado de calquera “afán inquisitorial ou fiscalizador” de cara a rematar coa “mellor resolución posible”. Comprometeu o traballo dos socialistas galegos “a prol de acadar un acordo de país”.