O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de incumprir coa Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo para “darlle cobertura aos ultradereitísimos” tanto “dentro do seu partido, con Aznar ou Casado, como fora, con Vox”. O responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que cumpra con esta Lei, que foi aprobada coa abstención do PP.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de poñer todo tipo de impedimentos ao cumprimento da Lei porque “non están de acordo con ela” e desafiounos a “decidir se están cos dereitos das mulleres ou con Vox”. Criticou que nos debates adopten unha “posición política discreta e difusa” sobre o aborto, que á hora da verdade se converte no seu incumprimento dende a administración.
Acusou ao PP de facer un “uso político dos dereitos da muller” ao tratar de impedir agora o debate logo de ter iniciado a precampaña electoral das xerais “dicindo que abortar é facer o mesmo que os neandertales”, ou coa intención declarada de derrogar a Lei amosada por Pablo Casado. Dixo que “se realmente están de acordo coa Lei censuren a Pablo Casado, será bo para as mulleres e bo para todos e todas”.
O responsable socialista lembrou na súa intervención o caso da muller que en 2012 perdeu o útero logo de que o Sergas a obrigara a desprazarse a Madrid para realizar un aborto demasiado tarde, un caso polo que a Xunta foi condenada xudicialmente en 2014. Naquela sentenza, lembrou, a xustiza decretou que “a extensión innecesaria do embarazo amosa o fracaso estrepitoso do sistema”, e acusou ao Sergas de “desentenderse da situación”.
Torrado acusou ao P e ao goberno galego de priorizar o dereito á obxección de conciencia dos médicos sobre os dereitos das mulleres, no sentido contrario ao que dita a Lei, que consolida o “dereito á obxección de conciencia” dos profesionais sanitarios “sen que o acceso e a calidade asistencial da prestación poidan resultar menoscabadas”.
Os socialistas reclamaron hoxe o “apoio inequívoco” á Lei, e reclámalle á Xunta “desenvolver as accións necesarias para garantir o pleno cumprimento da Lei Orgánica 2/2010, tendo en conta a necesaria dotación de medios materiais e humanos que fosen necesarios”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“1. O Parlamento de Galicia manifesta o seu apoio inequívoco á Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo.
2. O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a desenvolver as accións necesarias para garantir o pleno cumprimento da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, tendo en conta a necesaria dotación de medios materiais e humanos que fosen necesarios”.