A Comisión Institucional do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha proposición non de Lei do Grupo Socialista par reclamar que os informes de valoración do risco de violencia de xénero elaboradas polos corpos e forzas de seguridade inclúan os informes das Unidades de Valoración Forense Integral –UVFI-, os centros de saúde, centros da muller ou servizos sociais.
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán sinalou a importancia deste instrumento como mecanismo preventivo “eficaz, viable e moi útil” e que lamentablemente resulta “infrautilizado” en Galicia. Lembra que a propia Lei de Protección contra a Violencia de Xénero obriga aos gobernos central e autonómicos a implementar as Unidades de Valoración Forense Integral.
Estas unidades serían as encargadas de deseñar protocolos de actuación nos casos de violencia de xénero tamén a través da valoración do risco de novas agresións e do risco vital a través de informes complementarios aos elaborados polas forzas e corpos de seguridade do Estado.
Sen embargo, en Galicia, o Instituto de Medicina Legal de Galicia –Imelga- é o organismo encargado de asistir aos xulgados e fiscalías en medicina forense, pero non recoñece ás Unidades de Valoración Forense Integral con facultade para emitir un infome de valoración do risco de novas agresións.
Vilán urxiu a poñer en marcha tódolos mecanismos posibles para frear unha lacra que supuxo o falecemento de 4 mulleres en menos dunha semana, un número de vítimas que ascende, dende que hai rexistros oficiais, a 945 mulleres –dende 2003- e 25 menores –dende 2013-. Ademais, na última memoria do Imelga, de 34.000 informes forenses, tan só se realizaron 298 valoracións integrais.
A proposta aprobada hoxe tamén reclama plans formativos para a especialización prioritaria dos profesionais das UVFI. Sen embargo o PP rexeitou establecer indicadores mínimos para os datos xerados polas UVFI do Imelga, implementar unha aplicación informática para seguimento estatístico de tendencias ou estender as valoracións ás persoas dependentes da parella e outras vítimas directas e secundarias.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– O Parlamento insta ao Goberno da Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, o seguinte:
1. Dirixirse ao Goberno Central para que polos distintos departamentos ministeriais competentes na materia se reestruturen os protocolos para que a valoración do risco de novas agresións e do risco vital complementen as valoracións dos Corpos e Forzas de Seguridade coas informacións das Unidades de Valoración Forense Integral, os centros de saúde, centros da Muller ou Servizos Sociais, entre outros.
2. Establecer plans formativos para a especialización prioritaria dos profesionais das UVFI.