A Comisión de Medio Ambiente do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que inicie unha campaña de incentivos financeiros para acadar a colaboración dos mariñeiros na recuperación e reciclaxe dos residuos mariños.
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou esta iniciativa que tamén lle pide á Xunta “desenvolver campañas de información e sensibilización” para a recollida de residuos, ademais dun “plan específico para a reciclaxe de todos os obxectos recollidos, xa sexan redes, cordas, plásticos, latas ou outros residuos”.
A responsable socialista insta así ao goberno galego a seguir as iniciativas de outros países como é o caso de Grecia, onde a organización Enaleia ten comezado “un ambicioso programa con mariñeiros gregos, dando incentivos financeiros para que cando atopen residuos nas súas redes non os guinden, senón que os devolvan a terra para seren reciclados”.
Vilán advirte que os 1.500 quilómetros de costa de Galicia, xunto con todo o ecosistema mariño, atópanse “ameazados polo lixo mariño” producido pola UE, que é o segundo maior produtor de plásticos do mundo”, uns residuos que están a ser “o principal perigo para os mares de todo o mundo”.
Lembrou o acordo parlamentario do pasado 9 de xullo para instar á Xunta a reducir a presenza de residuos nas praias e fondos mariños, que sen embargo “non é suficiente”, e apuntou ás iniciativas de desenvolvemento de “programas de recollida e recuperación de residuos mariños” como no caso de Grecia.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia, antes do remate da presente lexislatura e coa reserva dunha partida orzamentaria específica para o exercicio 2020, a:
1. Desenvolver programas de recollida e recuperación de residuos mariños dando incentivos financeiros ao sector do Mar para que, cando os mariñeiros atopen residuos nas súas redes, os devolvan a terra para seren reciclados, e programas específicos para a reciclaxe de todos os obxectos recollidos, xa sexan redes, cordas, plásticos, latas ou outros residuos.
2. Desenvolver campañas de información e sensibilización a tal fin”.