O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polos socialistas para impulsar un Pacto Galego contra a Violencia Machista. A portavoz de Igualdade, María Pierres, subliñou que este acordo inclúe “rexeitar a adopción de calquera tipo de acordo con formacións que expoñen a supresión ou redución das medidas de protección das mulleres”.
A responsable socialista portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, criticou hoxe os “titubeos ideolóxicos” do PP dende a chegada do seu novo líder Pablo Casado, contra a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo, pretendendo que “permanezamos impasibles” mentres emiten “mensaxes que ameazan moi gravemente os avances en materia de igualdade”.
Alertou da deriva machista daquel partido logo de ter acadado un acordo de goberno en Andalucía con formacións políticas contrarias ás medidas de prevención e loita contra a violencia machista e, agora, coa súa intención manifesta de restaurar a Lei do Aborto de 1985. Advertiu que “relacionar o problema demográfico co recorte en liberdades e dereitos das mulleres é totalmente inmoral e unha absoluta irresponsabilidade”.
Acusou ao PP de utilizar a maternidade como “escusa para xustificar prexuízos de índole moral”, e considerou “unha mágoa que sexan vostedes os que non sexan capaces de poñer ás mulleres máis alá das negociacións, dos pactos e dos prexuízos”. “Desde o Grupo Socialista –sinalou- estaremos sempre cos dereitos das mulleres e non imos permitir que se dea nin un só paso atrás en materia de igualdade”.
Pacto Galego
Pierres reclamou un Pacto Galego contra a Violencia Machista, e o impulso dende Galicia ás medidas incluídas no Pacto de Estado para “combater o terrorismo machista” derivado dunha “cultura e educación profundamente antidemocrática e que parte da idea da superioridade do home sobre a muller”. Rexeitou ademais “calquera posicionamento político que propugne a eliminación ou minoración das medidas de protección das mulleres”.
Os socialistas urxen ao goberno galego a impulsar a aplicación da lexislación estatal e galega de medidas de prevención e tratamento da violencia de xénero, coa colaboración de tódalas administracións. Tamén reclaman o cumprimento do Convenio de Estambul aprobado polo Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego reafirma o seu compromiso coa igualdade e contra a violencia machista, así como coa consecución inmediata dun Pacto galego contra a violencia machista, e insta á Xunta de Galicia a:
1.2 Para iso a Xunta de Galicia comprométese a remitir, ou incorporar como addenda no vindeiro informe anual que se elabora ao abeiro da Disposición Adicional Cuarta da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero información detallada sobre a concreción das actuacións financiadas polo Estado, de forma que se poida avaliar o alcance da aplicación do Pacto Estatal por parte dos ámbitos implicados na prevención e no tratamento da violencia machista.