A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, reclamoulle ao goberno galego medidas específicas de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero de tipo económico. A responsable socialista presentou no Pleno do Parlamento celebrado hoxe unha interpelación sobre este tipo de violencia empregado para “perpetuar o dominio” dos maltratadores sobre as vítimas.
A parlamentaria socialista reclamou “amparo, atención e asesoramento” para afrontar estas situacións de “dependencia e dominio”, que constitúe “un dos factores determinantes polos que as mulleres vítimas non denuncian”. Explicou que “non podemos esquecer a violencia máis grave, a sufrida polas vítimas de trata sexual”, tamén sometidas ao dominio económico que as sitúa nun “círculo de explotación” baixo ameaza de maltrato físico.
Os socialistas galegos reclamaron ademais apoio fiscal para as vítimas obrigadas por exemplo, explicou, a asumir o pago total dunha hipoteca conxunta, ou responsables subsidiarias de débedas asumidas pola ex parella fronte a Facenda. Puntualizou que “non se trata de implantar unha amnistía fiscal, pero si de discriminar positivamente en casos concretos que se demostren inxustos”.
Violencia que non deixa pegada
Pierres puxo o acento hoxe sobre este tipo de violencia “máis íntima e que non deixa pegada”, con efectos “menos evidentes” pero “moito máis cotiá”, e que está “cultural e historicamente normalizada”. Sinalou así aos casos nos que o maltratador utiliza a dependencia económica como “arma de suxección das mulleres, ás que lles impide iniciar o proceso de recuperación logo de romper a relación co maltratador”.
O obxectivo do agresor, dixo, é nestes casos o de “dificultar a súa vida independente”, tomando medidas como o impago ou retraso no abono das pensións, deixando débedas conxuntas ou obrigando á muller a asumir tódolos gastos dos fillos e fillas a cargo. Reclamou así a toma de medidas centradas “na parte reparadora” e non só nas consecuencias dos casos de violencia na súa fase final.
Pierres salientou os avances do movemento feminista que defende a igualdade de homes e mulleres, e alertou fronte ao “efecto contrario da dereita reaccionaria empeñada en desmontar o movemento”.