O Grupo Parlamentario Socialista apelou hoxe, no marco do Día internacional contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos, a que dende a Xunta se tomen medidas para loitar contra o que é “unha manifestación extrema da desigualdade das mulleres e da súa pobreza na nosa sociedade”.
Así, a través dunha iniciativa que xa foi presentada, require ao goberno galego que “impulse as medidas necesarias para o desenvolvemento dunha estrutura de apoio multidisciplinar para as vítimas”.
Así mesmo, na proposición non de lei impulsada por Noa Díaz como voceira de Igualdade do PSdeG na Cámara, reclama traballar para sacar adiante medidas normativas contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
Non en van, como reflicten os datos da propia OMS, a explotación sexual é a forma máis común de explotación (59%) seguida do traballo forzado (34%) e as mulleres e as nenas representan o 71% das vítimas de trata detectadas en todo o mundo e o 80% das identificadas en Europa occidental.
“Debemos seguir traballando para dotar de recursos e garantías ás mulleres, nenas e nenos vítimas de explotación sexual”, remarcou Noa Díaz, consciente de que “a igualdade entre mulleres e homes continuará sendo inalcanzable mentres se compren, vendan e exploten mulleres, nenas e nenos”.