O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, denunciou hoxe o “apagón normativo” do goberno galego, que sitúa á actual Lexislatura como a de menor número de leis de toda a historia democrática de Galicia. Díaz Villoslada presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que cumpra co plan normativo e que o PP rexeitou.
O responsable socialista alertou de que a Xunta non quere facer balance lexislativo de 2018 e nin sequera presentou Plan Normativo para 2019, e que tan só levan 15 leis aprobadas no terceiro ano da Lexislatura, cando a metade delas corresponden ás leis de Orzamentos e Acompañamento.
Sinalou que Feijóo elude render contas para non pasar o bochorno de recoñecer que en 2018 só aprobaron as leis de Orzamentos e de Acompañamento, deixando polo camiño normas fundamentais como as de Emprego ou de Impulso da Demografía mentres, dixo, continúan anunciando as normas de prevención de incendios ou pesca fluvial.
Díaz Villoslada apuntou que en 2018 deberan ter sido aprobadas as leis de Administración Dixital, Xogos e Apostas, Patrimonio, Garantía de Abastecemento e Calidade da Auga, Patrimonio Natural, Rehabilitación, Rexeneración e Rehabilitación Urbana, Aproveitamento Lúdico das Augas, Emprego, Ordenación da Prestación Farmacéutica, Impulso Demográfico ou o texto refundido da Lei de Cooperativas.
Á metade de ano o goberno galego aínda continúa sen actualizar o balance lexislativo no Portal de Transparencia, conxelado en marzo de 2018. Explicou que esta situación “expresa o fin de ciclo do goberno galego a través do apagón lexislativo e institucional do goberno galego, acompañado do uso partidista e non estatutario de outras institucións e organismos como a CRTVG, o Valedor ou o CES”, cos seus titulares en funcións e pendentes de relevo.
Díaz Villoslada criticou que “cando queren lexislar si que utilizan o rodillo parlamentario” para aprobar unha Lei de Acompañamento coa que modifican “pola porta de atrás” ata 29 leis e 6 decretos ou unha Lei de Suplemento de Crédito polo trámite de lectura única e urxencia para eludir o debate parlamentario e “preparar as eleccións municipais”.
Lembrou que o PP utilizou as emendas á Lei de Acompañamento para modificar leis que o proxecto da Xunta nin mencionara, como a Lei de Caza de Galicia, a Lei do CES ou o decreto que regula os centros de menores e de atención á infancia, unha práctica denunciada diante do TC polos socialistas galegos.