O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter anunciado 20 novos pediatras para Galicia que en realidade “son os MIR novos que xa temos cada ano”. “É como anunciar que o ano que vén teremos un ano máis”, puntualizou Torrado antes de concluír que ao PP “sóbralle a Pediatría”.
Así o dixo no debate dunha moción na que os socialistas reclamaron a mellora das condicións laborais dos profesionais de atención pediátrica en Galicia, finalmente rexeitada polo PP.
Torrado explicou que o Ministerio comprometeuse en conceder ditas prazas, un proceso ralentizado porque, explicou, o goberno de Rajoy deixou 500 expedientes solicitados sen resolver logo de 7 anos. Criticou que lle pidan ao goberno de Sánchez que “resolva en 100 días as 500 prazas que Rajoy non foi quen de resolver”, e preguntou “que fixo o Ministerio de Sanidade” do PP para deixar este número de prazas pendentes.
O parlamentario socialista replicoulle ao anuncio do goberno galego de concentrar servizos para dispor de 2 pediatras en cada Centro de Saúde puntualizando que “este verán teriamos aforrado un drama gravísimo se a lo menos tivéramos 2 médicos en cada PAC”. Aludiu así ao falecemento dun paciente na Estrada porque o único médico tivera que abandonar o seu posto para atender un servizo.
Ademais explicou que na última xuntanza de Sanidade co Goberno central o conselleiro galego non fixo “ningunha petición de trámite de urxencia” para estas prazas porque “sabe que se lle aplica o trámite de urxencia paralizaría a convocatoria durante un ano”. Daquela “calou na xuntanza pero falou diante dos medios –explicou- porque saben que poden alongar a historia”.
Sóbralle a pediatría
En realidade, dixo, o goberno galego “utiliza o déficit de pediatras como escusa para non traballar en mellorar” a sanidade pública porque, engadiu, “ao PP sóbralle a Pediatría” e puntualizou que “temos un gran sistema, por favor non o desbaraten”.
Reclamoulle ao goberno galego “mellorar as condicións laborais dos profesionais de atención pediátrica”, establecendo ademais un plan especial de contratación 2018 – 2020. Tamén solicitou negociar co Goberno de España o aumento de prazas formativas en pediatría, ou abrir unha mesa de traballo que conte con expertos, representantes dos traballadores e da Consellería para analizar o estado da atención pediátrica.
A moción socialista incluíra ademais a petición ao goberno galego de que presente, en tres meses, un informe coa redistribución e planificación dos servizos de atención pediátrica en atención primaria en Galicia.