A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou hoxe anular a prórroga de 60 anos concedida a Ence o 20 de xaneiro de 2016 polo goberno de Mariano Rajoy. Así o pediu nunha emenda incluída nunha proposición non de Lei debatida hoxe en Comisión e que foi rexeitada finalmente polo PP.
Vilán lembrou que a anulación da prórroga está pendente da Audiencia Nacional, que está a analizar a petición de anulación, logo de que o PP modificara a Lei de Costas en 2013 para permitir unha prórroga finalmente aprobada polo goberno de Rajoy en funcións o 20 de xaneiro de 2016. Vilán considera “inaudito” que o PP ampare que unha empresa prolongue a ocupación dun dominio público durante 114 anos, entre 1959 e 2073.
A responsable socialista acusou ao presidente da Xunta de “dicir unha cousa e facer a contraria” ao pasar de votas a favor do traslado da pasteira fora da ría –ao ver a forte contestación veciñal- a amparar a prórroga para a empresa Ence.
Criticou a “xustificación” alegada polo goberno para ampliar a prórroga, que pasaban por “uns supostos investimentos de 61millóns de euros que como máximo serían amortizados en 20 ou 25 anos, e todo demais é tempo de prórroga para a empresa”. Criticou tamén a escasa dilixencia do goberno galego á hora de comprobar o resto dos requisitos obrigados á empresa.
Estes eran acometer melloras ambientais, construír unha planta de biomasa en Pontevedra e tres centros de bioenerxía, crear un centro de investigación forestal, mellorar a depuradora de Os Praceres e outros investimentos no marco dun convenio de carácter social en 3 meses.