A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, reclamoulle hoxe ao goberno galego que retire as 50 sancións pendentes contra os percebeiros da confraría de Baiona, logo de que o xulgado anulara a primeira delas esta mesma semana. Así o dixo na sesión de control ao goberno galego celebrada no Pleno do Parlamento, na que reclamou un estudo sobre as causas da caída da produción de percebe deste ano.
A responsable socialista sinalou as dificultades ás que se enfrontan os percebeiros, obrigados a “saltar ás rochas, esquivar os golpes de mar e sortear tamén as pedras que a administración vai poñendo no camiño”.
A xustiza vén de dar a razón ao primeiro dos sancionados anulando a multa e acusando á administración de “menoscabar dereitos fundamentais” porque “ninguén pode ser sancionado por accións ou omisións que no momento de producirse non constitúan delito”. Lembrou que os socialistas advertiron no seu momento que as sancións eran inxustas e reclamou que anulen as pendentes de resolver polo xulgado diante dunha previsible “choiva de sentenzas desfavorables”.
Toja reclamoulle ao goberno galego que estea “atento” ás necesidades deste sector, que está a dar a alarma pola caída da produción de percebe neste ano e se “anticipe” realizando un estudo que determine as causas desta redución e poder así adoptar as medidas necesarias para recuperar os valores da especie.
En concreto, reclamou estudar a evolución da produción de percebe nos últimos anos e as previsións para o futuro, e determinar así a necesidade de “vedas continuadas” de como mínimo medio ano, tal e como pide o sector. Lembrou a situación do sector, que en seis anos ten reducido un 12 por cento os permisos de explotación, pasando de 367 en 2011 a 324 en 2017.