O portavoz de sanidade socialista, Julio Torrado, levará á Comisión de Sanidade que se celebra mañá mércores a partires das 10,30 unha Proposición non de Lei para esixirlle á Xunta a dotar ao Hospital de O Salnés dunha ambulancia de soporte vital avanzado para mellorar as condicións de atención sanitaria ao conxunto da poboación, e en particular para as persoas afectadas por infarto agudo de miocardio.
A iniciativa sanitaria ten como obxectivo unha mellora na planificación da atención dos infartos nas comarcas. Os socialistas reforzan esta petición, xa trasladada noutras ocasións anteriores, e que coincide coa expresada recentemente por outros especialistas do sistema público galego como o xefe de cardioloxía do CHUS ou o Presidente da delegación galega da Sociedade Española de Medicina de Urgencias e Emerxencias (SEMES), o doutor Tato Vázquez, profesional do propio Hospital do Salnés.
Así mesmo, Torrado solicita realizar nun prazo de dous meses un informe específico sobre a atención ás persoas con infarto agudo de miocardio na extinta área sanitaria de O Salnés, hoxe reducida a distrito sanitario, e o seu traslado a outro centro hospitalario para avaliar o mellor protocolo e lugar de traslado.
O infarto agudo de miocardio é un dos problemas sanitarios máis sensibles á resposta rápida que se poida dar á persoa afectada. As enfermidades do sistema cardiovascular son a primeira causa sanitaria de falecemento en Galicia, e máis de 1 000 persoas morreron en Galicia por infarto agudo de miocardio no ano 2016 (Instituto Nacional de
Estatística 2016).