O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou hoxe xunto cos portavoces de En Marea e BNG a proposta conxunta para constituír unha Comisión de Investigación para determinar as consecuencias dos recortes e privatizacións sobre o Sistema Sanitario Galego (2009-2018), con especial incidencia en casos como a non dispensación de medicamentos necesarios aos enfermos da hepatite C ou o falecemento dun paciente sen atención no PAC de A Estrada.
Adiantou a solicitude de comparecencia do presidente da Xunta e do conselleiro de Sanidade para dar conta das consecuencias dos seus recortes na sanidade pública, que derivaron en agosto no falecemento dun paciente no PAC de A Estrada porque só había un equipo médico dispoñible e atopábase nun servizo fora do lugar. Adiantou que os socialistas proporán darlle voz ademais aos “protagonistas do sistema sanitario”.
Fernández Leiceaga explicou que esta Comisión será convocada grazas a que o Regulamento permite a constitución dun órgano deste tipo en cada Lexislatura por iniciativa da oposición sen contar co PP. Sinalou que desta forma “cumprimos coa forma regulamentaria” e apelou ao Grupo Popular a “respectar tamén o fondo” e permitir concluír unha investigación que “sexa capaz de desvelar o que está pasando”.
Ademais, engadiu, permitirá que o Parlamento “recupere o seu papel de control do goberno nas súas competencias” logo dun Pleno no que o PP aprobou tódalas iniciativas dirixidas a Madrid pero rexeitou todas aquelas que apelaban exclusivamente á Xunta.
Escrutinio
Explicou que o obxectivo é someter ao sistema sanitario galego a un escrutinio “que determine o que está fallando e en que debemos melloralo”, sinalando as “consecuencias dolorosas” dos “recortes e privatizacións sobre o sistema sanitario galego”. Instou a ofrecer unha “visión en profundidade das causas obxectivas” que derivan en casos coma o do falecemento de pacientes por falla de médico ou por escatimarlles medicación.
Fernández Leiceaga explicou que os recortes aplicados por Feijóo teñen convertido á sanidade no principal problema da cidadanía, xunto co emprego, polo que reclamou unha análise pormenorizada sobre a situación de recortes e precariedade do persoal sanitario, que son “o principal activo do sistema”. Estes permanecen sometidos a unha “tensión intolerable” que se sitúa directamente detrás das deficiencias do sistema.
Advertiu que a Comisión entrará tamén a analizar o modelo de promoción público – privada aplicado no Hospital de Vigo ou os retrasos na aplicación do servizo de Hemodinámica 24 horas en Lugo e Ourense, por exemplo. Tamén apuntou á insistencia do presidente da Xunta de “presumir” reiteradamente da construción duns centros de saúde “que só existen na súa imaxinación”, xa que non fixo ningún dende 2009.
Tamén apelou ao axuste das áreas sanitarias, reducidas por imposición do goberno galego para impoñer un aforro de consecuencias desastrosas sobre a calidade asistencial. O portavoz socialista reclamou un “coro de voces” con coñecemento sobre a xestión sanitaria que ofrezan “unha visión máis axustada do que pasou co sistema sanitario” dende a chegada de Feijóo.
Sinalou así ás elevadas listas de espera, á falla sistemática de datos oficiais por parte do goberno galego, á redución da calidade asistencial ou aos problemas rexistrados nos servizos de Pediatría de Galicia pola falla de persoal.