O responsable de Política Institucional dio Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, criticou hoxe a “incapacidade e abulia lexislativa” demostrada polo goberno de Feijóo logo de constatar que remata o ano 2017 tramitando menos da metade das leis previstas para este exercicio.
O responsable socialista lembra que o pasado 24 de maio aprobaron e presentaron un Plan Normativo que constaba de 11 leis, 69 decretos e 25 ordes, pero a finais de decembro deixaron sen presentar 6 leis, máis da metade, e 34 decretos. Criticou a “desidia” demostrada polo presidente da Xunta, “máis preocupado polos seus asuntos fora de Galicia”.
“Feijóo carece do impulso lexislativo que precisa Galicia”, apostillou, mentres deixa sen presentar textos tan importantes como a Lei de Patrimonio, a Lei do Patrimonio Natural, a Lei de Emprego de Galicia, ou a Lei de Prestación Farmacéutica. Outras, como a Lei de Iniciativa Empresarial, tivo que presentala a través do grupo parlamentario do PP, salvando así os informes preceptivos que se lle requiren ao Goberno.
No caso dos decretos do Goberno, deixan sen regular todo o paquete normativo relativo ao deporte de alto nivel, disciplina deportiva ou persecución da dopaxe, deixando sen desenvolver a Lei do Deporte de Galicia de 2012. Tampouco revisaron a coordinación dos concellos no control de calidade dos servizos públicos, ou o proceso de funcionarización do emprego público autonómico.
Sinala que o goberno galego tamén sitúa no debe do ano que remata o desenvolvemento da normativa para transporte público de persoas en vehículos de turismo, vivenda protexida, a regulación da transferencia de resultados da investigación no sistema de saúde, servizos sociais ou a Risga.
Rodillo
Criticou que esta “desidia” contraste cos escasos escrúpulos que demostra ao aplicar o “rodillo” para modificar 20 leis dunha soa vez a través da Lei de Acompañamento sen o debido debate parlamentario, sometendo á Cámara a unha “tensión innecesaria”. Sinalou que esta fórmula supón “incongruencia e falla de respecto á capacidade lexislativa do Parlamento”, que ve como “baleira de contido a súa actividade lexislativa”.
Díaz Villoslada lamentou ademais a “nula transparencia” por parte do goberno galego, que ademais de agochar a modificación destes textos detrás da Lei de Acompañamento, provocan un “caos informativo difícil de seguir” e manteñen “baixo mínimos” o portal de transparencia, que actualmente só recoñece 3 normas en fase de tramitación. Urxiu finalmente ao goberno a que cumpra coa súa “obriga legal” de presentar o Plan Normativo para o ano 2018.