O portavoz de Política Territorial do Grupo Socialista, Luís Álvarez, pediulle esta mañá ao goberno que traballe para “crear un marco” no que se lle permita a centos de PEMES do sector do transporte manterse “dignamente”. Así o dixo hoxe na comparecencia da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade no Pleno do Parlamento, na que tamén defendeu a necesidade de que as administracións públicas “interveñan para evitar oligopolios” en sectores nos que o mercado teña un “papel comunitario” coma no caso do transporte escolar.
O deputado socialista defendía así que goberno galego tiña a posibilidade de crear dous marcos, “un no que as PEMES desaparezan do sector” ou outro no que “o futuro o dean elas”. Respondía así ao problema de viabilidade ao que moitas empresas poden enfrontarse de cara ao 2020 debido a un plan que foi deseñado por consultoras “con certo descoñecemento do territorio” .
“Hai que evitar que 4 ou 6 empresas ocupen a maioría da oferta” manifestaba o parlamentario socialista que argumentaba que co Plan actual da Xunta so algunhas poden sosterse coas amortizacións previstas durante os primeiros anos, situación suporía a “destrución do tecido empresarial galego”.
Neste sentido, solicitoulle a Conselleira que “revisen se os cadros económicos se van a adecuar as condicións que as PEMES precisan” e sinalou as grandes diferenzas nas amortizacións previstas e que varían dende menos de 900 euros a mais 3.000. “Igual e que as consultoras coñecen tan ben o territorio que son capaces prever os servizos privados que van realizar a maiores os autobuses”, dixo ironicamente o parlamentario socialista en referencia ao argumento da Conselleira de que estes servizos suporían unha axuda extra as empresas.
O representante socialista mantivo que as PEMES e as grandes empresas ofertan servizos “diferentes” con distinto graos de satisfacción entre os usuarios e de calidade no emprego, e manifestou estar do lado da “calidade e das PEMES”.