A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, María Pierres, reclamoulle hoxe ao goberno galego que “tome cartas” para regular a actividade dos fondos de investimento que están a adquirir vivenda de protección pública para forzar cambios de condicións inasumibles para os inquilinos. Pierres criticou o veto do PP a esta iniciativa para pedirlle ao goberno que exerza as súas competencias e free estas operacións.
Pierres sinalou á actuación das Socimi –Sociedade Anónima Cotizada de Inversión Inmobiliaria-, que teñen aterrado en cidades galegas como Pontevedra, Vigo, A Coruña, Cambre, Culleredo, Narón, Santiago ou Ourense. Estas adquiren edificacións de protección oficial para forzar subas de prezos ou ben respectan os alugueiros pero disparan os subministros, forzando o abandono ou desafiuzamento dos inquilinos.
É o caso da edificación Hábitat 60 Plus de Cambre, nacida para dar resposta a mozos e mozas e maiores, baseada na accesibilidade que, 20 anos despois, e logo da súa adquisición por unha Socimi, “as condicións se modifican e a súa función e uso social queda totalmente desprotexido”.
A responsable socialista esixiulle ao goberno galego que “active os recursos da administración para o freo e minoración das consecuencias deste tipo de accións de compravenda de edificacións de tipo social”. Lembrou que a venda das vivendas require da previa autorización do IGVS, que dispón ademais do dereito de tenteo e retracto. Ademais, reclamaba que a Xunta vixíe o respecto aos dereitos dos inquilinos por parte dos novos propietarios.
Parque de vivenda pública
María Pierres reclamoulle ao goberno galego que “solte o freo de man” na súa política de conxelación da vivenda protexida -pública e privada-, que pasou de iniciar 3.000 vivendas e cualificar 3.774 no ano 2007 a iniciar tan só 5 e cualificar 12 no ano 2017, a pesar do incremento constante no número de demandantes, con 451 máis nos últimos 50 días.
Sinalou que “incrementar o parque público de vivenda non é algo que se poida pospoñer por máis tempo” e criticou o “desleixo e paralización absoluta” na oferta de vivenda pública por parte do goberno galego, que se nega a “atender debidamente un dos dereitos contemplados na Constitución, como é o de acceso á vivenda”.