O portavoz de Turismo do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, recetoulle hoxe ao goberno galego unha dose de “autocrítica” e esixiulle que “faga os deberes” para reverter as malas cifras de turismo que vén de reflectir o INE. O responsable socialista levou unha pregunta a Comisión parlamentaria sobre a caída do 11,5 por cento das visitas turísticas e do 8 por cento de pernoctacións entre xullo e agosto con respecto a 2017.
Pérez Seco apuntou que “neste sector e neste sentido algo está a facer mal a Xunta de Galicia”, polo que reclamou “que estuden os motivos que levaron ao descenso de pernoctacións no verán en Galicia”. Segundo o INE, só nos meses de xullo e agosto rexistráronse case 1,56 millóns de viaxeiros, 203.000 menos que no verán pasado, facendo de Galicia a autonomía na que os hoteis perden máis hóspedes.
Os datos oficiais alertan de que Galicia sae perdendo en comparación con outras comunidades autónomas cunha oferta semellante, as que forman parte da coñecida como España verde –Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia-. No pasado mes de agosto, a autonomía galega rexistrou a ocupación máis baixa das catro, en canto ás prazas hoteleiras, un 64,9 por cento, fronte ao 80 por cento de Cantabria, o 79 por cento do País Vasco e o 74,5 por cento de Asturias.
En canto ao número de viaxeiros por zonas, explicou, os hoteis das Rías Baixas rexistraron en xullo e agosto 445.728 viaxeiros, as Rías Altas 179.165, a Costa da Morte 48.782 e a Mariña lucense 46.231, mentres os hoteis de Santiago de Compostela recibiron 101.798 turistas.