A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao conselleiro de Industria de incumprir co compromiso de acordar no Parlamento medidas para reforzar ao naval galego. A responsable socialista criticou o veto a unha moción socialista logo de que o conselleiro aparentara aceptar o acordo durante o debate da Interpelación previa no último pleno de decembro pasado.
Rodríguez Rumbo censurou que o goberno galego rexeite acordar cos socialistas galegos para “solucionar os problemas que mellorarían a vida das persoas” e que “no canto de buscar acordos buscan enfrontamento” en época preelectoral. Criticou que sigan a “estratexia Casado” de “dedicarse a insultar, empregar palabras de trazo groso e desacreditar ás institucións cando non gobernan”.
Os socialistas pedían hoxe a constitución da Mesa do Naval Galego, un estudo de viabilidade e un plan estratéxico para o naval galego, sostidos ademais por unha liña de axudas públicas a través do Igape, complementaria a un plan de financiamento privado. Ademais, tamén reclamaban “negociar coa autoridade portuaria de Vigo a continuidade de Vulcano nos terreos de dominio público”.
A parlamentaria socialista instou ao goberno galego a abandonar a estratexia da algarada e “gobernen e xestionen” e que “deixen de buscar culpables para empezar a buscar solucións” aos problemas provocados pola “inexistente política industrial da Xunta de Galicia en 11 anos de goberno do PP”. Advertiu que, nunha década, Galicia situouse no posto 197 sobre 268 territorios europeos, 16 menos que hai 3 anos, e a décima comunidade autónoma de España.
Barreras
Lamentou a “oportunidade perdida de que o goberno galego amose o seu compromiso coas necesidades do territorio, neste caso co estaleiro Barreras, coa busca conxunta de solucións ao futuro da empresa, do sector e co mantemento dos postos de traballo”. O estaleiro, dixo, está a padecer as consecuencias do “conto Pemex” dos últimos 7 anos protagonizado por Feijóo e os seus “colaboradores necesarios” na petroleira mexicana, que están “perseguidos por corrupción”.
Logo de deixar en mans de Pemex os activos do estaleiro vigués, dixo, agora queren retirarse do capital de Barreras deixando fortes tensións de tesourería, unha estrutura deficitaria de capital, o accionariado en guerra e sobrecustes millonarios nos tres barcos en construción dos 5 contratados. E polo camiño, explicou, “cada vez que parece que hai un preacordo –para resolver a situación- a Xunta de Galicia négase a ratificalo”.