Leticia Gallego reclama ao Executivo galego que empregue parte dos fondos que recibirá do goberno de España para a creación en Galicia de 3.417 prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos, que ascenden a 34 millóns de euros
A Xunta vén de rexeitar comprometerse a financiar a nova escola infantil da praza de Industria, na cidade de Vigo. Ocorreu hoxe, na Comisión de Política Social do Parlamento, tras unha pregunta oral ao goberno galego realizada pola deputada viguesa Leticia Gallego.
A socialista reclamou á Xunta que financie “na súa totalidade” a nova escola infantil proxectada polo Concello de Vigo cos fondos, máis de 34 millóns de euros, que o Executivo galego recibirá por parte do goberno de España para a creación en Galicia de 3.417 prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos.
“A conciliación familiar e laboral constitúe unha problemática na sociedade actual e un dos elementos fundamentais para facilitala é a oferta de prazas públicas de educación infantil”, sinalou a socialista antes de incidir que as prazas actuais “son insuficientes” para a poboación que ten a cidade.
“Unha vez máis a Xunta non está a cumprir coas súas obrigas nunha materia tan sensible como é a educación infantil e, por tanto, coa conciliación”, denunciou a socialista quen sinalou que é o Concello de Vigo que “está a asumir, moi por riba do que lle corresponde formalmente, o compromiso de dar resposta ás necesidades das viguesas e vigueses nesta materia”.
A última escola infantil que puxo en funcionamento a Xunta na cidade data do ano 2012 e neste período, incidiu, o goberno municipal abriu cinco novas escolas infantís municipais en Navia, Mestres Goldar, Tomás Alonso, Bouzas e Bembrive.
Na actualidade, Vigo conta con nove escolas infantís en funcionamento, nas que o concello inviste 2,5 millóns de euros anuais. Para afrontar este gasto, a Xunta achega ao concello 110.000 euros anuais, co que “sae a uns 12.000 euros por escola”, criticou Gallego, tras sinalar que “isto é o que cree o PP na conciliación: nada de nada”.
“A escola da praza da Industria farase e estará dispoñible para o próximo curso lectivo, con ou sen a axuda do goberno de Feijóo”, concluíu a socialista.