A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe á Xunta de deixar sen rematar o Plan de Infraestruturas Xudiciais “ata o día do xuízo final”. A responsable socialista presentou unha moción para esixirlle ao goberno galego que rematara nesta lexislatura coas actuacións previstas e que tiñan que estar feitas en 2015, que foi rexeitada polo PP.
Vilán lembrou que o goberno galego aínda ten sen executar o 30 por cento do Plan de Infraestruturas Xudiciais, seguindo co seu desleixo na xestión do goberno galego. Neste sentido, lembrou que teñen o 50 por cento do Plan Move sen executar, o Regulamento da Lei de Caza sen desenvolver dende hai máis de 5 anos, ou o Regulamento da Lei de Benestar Animal, sen desenvolver dende hai ano e medio.
Coa parálise do Plan para a xustiza, explicou que teñen adiado as actuacións nos xulgados de Pontevedra, Tui e Vigo ata outubro, e 2020, respectivamente, mentres Sarria, Muros, A Estrada, Cambados e Vilagarcía “van ter que agardar ata o día do xuízo final”. Por este desleixo do Executivo, Tui ten un Xulgado –o número 3- cos arquivos no cuarto de baño ou bancos – calabozo en plena rúa, e “celebra vistas pasando a roupa do mercadillo por diante”.
En Pontevedra, dixo, os xulgados están “ciscados pola cidade, e cos funcionarios de Fiscalía asfixiados nun baixo – cuberta”, Vigo ten “un edificio co chan de goma”, Sarria “nin veu como se facían pequenas obras” e Muros segue carecendo dun edificio novo. No caso de A Estrada, dixo, “ten un edificio no que chove no cuarto de seguridade e na porta de entrada”, en Cambados “houbo ratas nos arquivos” e Vilagarcía directamente “carece de calabozos”.
Denunciou as “mentiras” e “desleixo” do goberno galego para agochar que o Plan de Infraestruturas Xudiciais “non está executado”, e resumiu que “rematou en 2015, estamos en 2019 e pedimos que se cumpra o Plan 5 anos despois, non nos conten milongas”.
Os socialistas reclamaron hoxe o cumprimento do plan “antes do remate da actual lexislatura”, ademais de executar toas as actuacións de nova construción ou gran reforma prevista, sinaladamente en Tui, Pontevedra, Vigo, Sarria, Muros, A Estrada, Cambados e Vilagarcía de Arousa. Inclúen tamén as actuacións de rehabilitación e mantemento que contén o plan “na medida en que sigan a ser necesarias, previo consenso cos sindicatos e axentes xurídicos”.
Vilán demandou ademais que acepten a cesión do Concello de Viveiro, que pon a disposición un local de 800 metros cadrados para habilitar “un espazo digno como sala de espera para o xulgado encargado de violencia contra a muller”. Finalmente, esíxelle á Consellería de Presidencia que “renda contas anualmente das obras e investimentos realizados, coa fin de precisar a información e control da execución do Plan”.