A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao goberno galego de ter desaproveitado os fondos da UE para aplicar unha estratexia de Investimento Territorial Integrado –ITI- que permita reverter a regresión demográfica de Galicia. A responsable socialista presentou una proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego unha proposta de aplicación destes fondos nun prazo de 3 meses.
A responsable socialista lamentou o veto anunciado polo PP contra esta iniciativa, que foi debatida hoxe pero será votada mañá mércores. Sinalou que co voto en contra constatan a inacción do goberno galego, que leva un ano sen aplicar unha iniciativa socialista semellante aprobada en Comisión, precisamente para reclamarlles unha proposta de aplicación de fondos na dita estratexia do ITI.
Rodríguez Rumbo urxiu ao goberno galego a “aproveitar tódolos medios e recursos que ten ao seu alcance” para reverter a crise demográfica “que nos está desangrando” polo desleixo dos sucesivos executivos de Feijóo. Explicou que Galicia ten perdido 97.000 habitantes en 10 anos -20.000 deles nesta última Lexislatura- que foi bautizada polo presidente da Xunta, lembrou, como “a Lexislatura do Rural”.
Rodríguez Rumbo criticou o desinterese da Xunta cando Galicia rexistra o crecemento vexetativo máis baixo de todo o Estado, e ademais conta cunha provincia, Ourense, onde hai xa máis pensionistas que afiliados á Seguridade Social. Lembrou que Galicia perdeu nunha década 241.000 menores de 40 anos -70.000 deles nos últimos 3 anos-, e o 94 por cento das mulleres menores de 30 anos non teñen fillos.
Rodríguez Rumbo sinalou o informe encargado en xullo de 2018 polo Observatorio Galego para a Dinamización Demográfica, que apuntaba á urxencia de medidas activas para permitirlle ás parellas ter fillos. Aquel documento poñía o acento sobre a necesidade de escolas infantís con acceso universal e prezos acaídos, infraestruturas de conciliación, ou a reorganización de horarios e tempos de traballo.
Tamén apuntaba á necesidade de recursos para a atención a dependentes, ampliar as prazas en centros de día e residencias, vivenda de promoción pública, o incremento da execución e dotación de políticas activas de emprego e políticas dirixidas á dinamización do mundo rural, incremento de incentivos fiscais para as familias con fillos e facilitar o retorno de emigrantes.