A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe que a “falla de compromiso de Feijóo coas entidades locais lévao a incumprir mesmo cos compromisos reflectidos nos Orzamentos”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión, no que sinalou que a Xunta retiroulles 13 millóns de euros destinados aos concellos cunha modificación de crédito aprobada o 27 de decembro de 2018.
A responsable socialista sinalou que estas partidas son fundamentais “para que os concellos poidan levar adiante as políticas necesarias que lles permitan promover actividades e prestar os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal”. Así o establece, dixo, a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local aprobada polo PP en 2013.
Rodríguez Rumbo explicou que esta baixa orzamentaria forma parte dunha modificación orzamentaria aprobada polo Consello da Xunta que se celebrou días antes de Fin de Ano, e que acumulou 3 modificacións orzamentarias por un total de 390,5 millóns de euros. Boa parte destas partidas foron destinadas ao programa de “Imprevistos e funcións non clasificadas”, un “caixón de sastre orzamentario utilizado pola Xunta para reorientar orzamentos de forma opaca”.
Lembrou as advertencias do propio Consello de Contas contra o abuso deste programa “coa finalidade de programa – ponte para realizar transferencias de crédito, permitindo alterar os límites fixados pola normativa que impedirían as transferencias directas entre as aplicacións afectadas e aplicar os sobrantes de créditos ao financiamento das partidas deficitarias”. O propio ente fiscalizador incluíu así unha recomendación para limitar o uso excesivo deste programa.