A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe ao goberno galego de poñer “paus nas rodas” das políticas de atención ás persoas maiores. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou o desleixo do goberno galego á hora de cumprir co mandato parlamentario de desenvolver unha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada.
A responsable socialista advertiu que a xestión do goberno galego situou a Galicia “á cola en gasto público por dependente, con apenas 5.779 euros cando ata nove comunidades autónomas superan os 6.000 euros por dependente”. Ademais, en 11 anos o goberno galego abriu “cero novas prazas de atención residencial para persoas maiores xestionadas de forma directa pola Xunta”, nunha autonomía cunha taxa de prazas por maiores de 65 moi inferior á media estatal.
Blanco presentou ademais o informe de directores e xerentes de servizos sociais que apunta que Galicia ten hoxe un déficit de 14.858 prazas residenciais para acadar unha ratio do 5 por cento, mentres só 4 de cada 10 prazas teñen financiamento público.
A parlamentaria socialista acusou ao goberno galego de facer caso omiso da obriga parlamentaria de desenvolve unha Estratexia de prevención e atención á soidade non desexada en colaboración coa Fegamp e o terceiro sector. Así o sinalaba unha moción aprobada pola Cámara autonómica o pasado 25 de xuño, e que o goberno galego deixou “esquecida nun caixón”.