O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, preguntoulle hoxe ao conselleiro de Educación pola “politización” da nova zonificación escolar para Vigo dende a xefatura territorial da Consellería. O responsable socialista ironizou coa “coincidencia” do debate desta iniciativa e a suspensión da zonificación para o próximo curso, feita pública o pasado sábado.
O responsable socialista levou ao Parlamento as queixas da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos –Zoanpas-, que alerta dunha “distribución manifestamente desequilibrada” entre a demanda de prazas e a oferta dos centros. Tamén advirten que o reparto “consolida a reserva de feito” de prazas para os alumnos dos centros concertados que se incorporan á rede pública no bacharelato.
Ademais, sinalou, prevé desprazamentos de alumnos de ata 10 quilómetros no mesmo núcleo urbano, e obvia a atención educativa no barrio de Navia, onde vén de ser aprobado un plan de vivenda protexida con máis de 1.600 residencias. Sinalou a descoordinación dentro do goberno galego, co que “parece que sexan de gobernos distintos”.
Censurou ademais a “politización” do reparto dos centros cando “nunha reunión coas Zoanpas, foi a Xunta quen introduciu criterios políticos ao negarse a modificar o transporte escolar”. Álvarez replicoulle finalmente ao conselleiro, quen criticara o rexeitamento do documento por parte do Consello Escolar Municipal, puntualizando que “os actos administrativos cos que non estea de acordo son susceptibles de recurso”.