A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou á Xunta de “non facer nada” para cumprir cos seus compromisos para a protección, difusión e posta en valor da arquitectura tradicional en pedra seca. Burgo presentou unha pregunta oral en Comisión na que lembrou os “compromisos incumpridos” do conselleiro de Cultura para defender esta arquitectura declarada Patrimonio Inmaterial da Humanidade en 2018.
A responsable socialista lembrou que o máximo responsable de Cultura no goberno galego anunciara un censo dos elementos máis representativos da pedra seca galega, xeolocalizándoos e identificándoos por tipoloxía. Ademais, comprometeuse a aprobar unha orde de axudas para rehabilitación de elementos patrimoniais etnográficos e a ditar instrucións, recomendacións e suxestións para o seu uso e conservación.
Sen embargo, dixo, “unha vez máis as promesas do conselleiro de Cultura tradúcense en moito falar e pouco facer” na defensa deste patrimonio presente en amplos territorios de Galicia. A técnica de pedra seca resulta especialmente relevante, explicou, nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, Terra Chá e Ribeira Sacra.
A arquitectura en pedra seca, explicou, alude a unha técnica de orixe tradicional e popular realizada mediante o uso de pedras pero sen empregar ningún tipo de morteiro ou argamasa. En Galicia inclúe construcións moi variadas, como alvarizas, fornos de cal, sequeiros de castañas, muíños fariñeiros, cabanas agrícolas, pombeiros, hórreos, pendellos, foxos do lobo, socalcos, valados ou vivendas antigas.