Lara Méndez sinala que a redución de 163.000 euros na partida para promoción do comercio interior evidencia a absoluta falla de vontade política de apoiar ao sector
A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Lara Méndez, lamentou hoxe a “absoluta falla de vontade política” do PP e do goberno galego para apoiar ao comercio de proximidade. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Industria do Parlamento para reclamarlle á Xunta que financie actuacións promocionais como os premios a través de tarxeta prepago, que o PP rexeitou.
Méndez explicou que é o propio sector do comercio o que demanda este tipo de iniciativas, que estimulan as compras e o comercio de proximidade, e que neste momento teñen que financiar os concellos con cargo aos seus orzamentos diante do desleixo do goberno autonómico.
Advertiu que esta medida nin sequera suporía un maior custe con cargo ao orzamento do goberno galego, que precisamente reduciu 163.000 euros a partida para promoción do comercio interior nos orzamentos de 2025. Puntualizou que a proposta se resolvería modificando as bases da convocatoria.
Afeoulles a súa negativa a apoiar ao sector con este tipo de iniciativas que eles mesmos solicitan, pero cando chega o momento de facer as entregas de cheques aos premiados “aí están os delegados territoriais pegados ao alcalde ou alcaldesa para facerse a foto”.