O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que cumpra co seu compromiso de desbloquear as explotacións gandeiras de Cedeira que levan pechadas total ou parcialmente dende verán de 2016 pola detección dun positivo de tuberculose bovina meses antes. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión sobre a situación destas explotacións.
Pérez Seco lembrou a xuntanza da directora xeral de Gandería cos gandeiros de Cedeira no pasado mes de setembro, na que o goberno galego comprometeuse a desbloquear, no prazo de un mes, todas as explotacións, agás os tres curros que se celebran en monte aberto, se as últimas probas foran negativas. Sinalou que as probas foron negativas pero o acordo foi incumprido, polo que “as explotacións seguen bloqueadas ou parcialmente bloqueadas”.
Alertou das serias perdas que supoñen estas restricións para explotacións que continúan bloqueadas logo de pasar 8 saneamentos en 2 anos nos que “tódolos animais deron negativo en tódalas probas”. Advertiu que a situación pode prolongarse durante 3 anos, o que supón unha perda inxustificada e inasumible para explotacións que levan 20 anos sen dar ningún positivo en tuberculose, ademais das reses que son sacrificadas e resultan ser falsos positivos.
Criticou a “fala de procedemento e de criterio” por parte do goberno galego, que bloquea explotacións de Cedeira localizadas a máis de 12 quilómetros daquel único positivo, detectado no monte Ouzal, mentres outras máis próximas ao posible foto, dentro da serra da Capelada, “nunca tiveron ningún tipo de restrición”.