O portavoz socialista de industria, Abel Losada, amosou, na Comisión de Industria celebrada hoxe no Parlamento, “o escepticismo xeral dos socialistas ante a Axenda de impulso da Industria Forestal 2019-2021”. Así o dixo na comparecencia en Comisión do Director da Axencia Galega de Industria Forestal para presentar a dita Axenda, “un Plan que vai por un carril equivocado e no que se puxo o tellado antes dos cimentos”, dixo Losada.
Losada acusou á Xunta de desenvolver un Plan que é “unha boa ferramenta de publicidade e propaganda pero moi mala ferramenta económica”. Advertiu que en 2018 a execución orzamentaria xa estaba sendo moi baixa, “algo que os socialistas xa destacamos en 2017 cando amosamos o noso descontento co plantexamento do Plan en termos orzamentarios”.
O representante socialista sinalou que “aínda que a execución do Plan estaba a ser moi baixa, dende o Goberno galego decidiuse aumentar os orzamentos de 6 a 11 millóns de euros, unha inversión que tende a ir a sectores como as consultoras privadas”. Criticou o continuo interese do PP polas “facturacións dos grandes grupos empresariais” e instoulles “a pensar máis alá de Ence e Finsa”.
Apuntou á necesidade de ter reorganizado o tecido produtivo deste sector antes de promover o Plan e afeoulles que “esta non é a maneira de facer as cousas”. Lembroulle ao Goberno que se “non creen na planificación, este Plan vai estar destinado ao fracaso”.