A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou esta tarde á Consellería de Medio Ambiente de “incumprir” a Lei de protección e benestar dos animais de compañía ao ter sen presentar o Regulamento que desenvolve a norma logo de superar o prazo máximo de doce meses. No debate dunha interpelación presentada no Pleno do Parlamento, esixiulle que “se puxera a traballar” e cumpra coas súas obrigas para evitar sucesos como o ataque dun grupo de cans a unha muller de idade avanzada.
A deputada socialista explicou que este “incumprimento descontrolado” xera dificultades para a actividade empresarial veterinaria pois moitos dos criterios, requisitos e obrigas que lles esixe a lei para facer o seu traballo están remitidas a un regulamento que non existe. Vilán remitiuse a, entre outros, a o artigo 10 da lei que regula os centros veterinarios e que remite os seus requisitos e obrigas a ese futuro regulamento, ou o artigo 15 que determina os métodos autorizados para a eutanasia animal.
A parlamentaria socialista referiuse tamén aos problemas das canceiras e o problema de financiamento destas, pois a FEGAMP propón que sexan os concellos e as deputacións as que xestionen e a Consellería a que se encargue da financiación. A propia FEGAMP cifra que cada concello galego precisa entre 200.000 e 50.000 euros para operar, aínda que a consellería so da 100.000 para os 313 concellos galegos.
No caso dos criadores de animais, a Xunta establece no seu artigo 14 que no caso de realizarse eventos como as exposicións caninas, os requisitos que se establecen para cada especie regularíase tamén nese regulamento que non existe e por tanto quedan relegados a arbitrariedade da administración.
Ataque na Estrada
A parlamentaria socialista recordou o ataque sucedido na Estrada o pasado verán, no que un grupo de 5 cans de raza potencialmente perigosa, sobre os que “constaban denuncias ao SEPRONA dende o ano 2016”, atacaron a unha señora de idade avanzada que tivo que ser hospitalizada de urxencia.
A deputada recordou que “a lei de 2017 establece que que os Concellos e a Consellería teñen a competencia de este tipo de animais” e lamentou que ambas administracións, gobernadas polo PP, se dedicasen a “botar balóns fora” en vez de afrontar a situación” aínda que “ao alcalde da Estrada deulle tempo a ir sacar a foto cando decomisaron os últimos cans”.