A portavoz de xustiza, Patricia Vilán, presentou unha pregunta oral na Comisión de Xustiza celebrada hoxe no Parlamento na que instou ao goberno galego a “desmentir ou confirmar se estarían dispostos a endurecer as condenas dos menores”. Vilán acusou de “escapismo” á directora xeral de Familia, que evitou responder se está de acordo coa medida proposta de endurecemento das penas no programa electoral do PP.
A deputada socialista sinalou que a lei de Responsabilidade Penal dos Menores “ten como obxectivo primordial ofrecer un entorno educativo que favoreza a inserción social e laboral así como o desenvolvemento da autonomía do menor”. Advertiu á Xunta que aplicar a medida do programa do PP “suporía un retroceso nos dereitos dos menores que en vez de favorecer a súa reinserción social e familiar pasaría a ser un castigo”.
Acusou á Xunta de “estar moi lonxe do obxectivo de autonomía integral e a reinserción social dos menores afectados” cando dende o PP, sinalou, pretenden reformar a lei do menor para “rebaixar a idade de responsabilidade penal, celebrar os xuízos sen a presenza do menor ou aumentar as penas de internamento e o ingreso en prisión en determinadas circunstancias ao cumprirse a maioría de idade”.
Vilán reclamoulle ao Goberno a “escaseza de prazas nos centros de menores en Galicia”, debido aos poucos centros que hai e “dos cales só un é de carácter público”. Un número insuficiente, sinalou, “para o aumento nos últimos anos de adolescentes penados con medidas xudiciais”. Amosou tamén a súa preocupación “pola saturación dos centros, as deficiencias nas instalacións, a falta de persoal, a precariedade laboral e a convivencia de menores con diversas patoloxías”.